A conselleira de Política Social asistiu á final da modalidade de graffiti

Fabiola García destaca o récord de participantes no Xuventude Crea, con preto de 500 candidaturas de mozas e mozos

Unha decena de rapazas e rapaces participan hoxe na final de graffiti que se está a celebrar na Alameda de Santiago de Compostela

Este ano incluíronse as categorías de Novela curta e Creación de videoxogos
 

Santiago de Compostela, 7 de novembro 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou hoxe o récord de participantes no certame Xuventude Crea con preto de 500 candidaturas de mozas e mozos galegos. Fíxoo na visita á final da modalidade de graffiti que está a ter lugar hoxe no Parque da Alameda de Santiago de Compostela.

Fabiola García subliñou que esta iniciativa é unha oportunidade e un escaparate para que a mocidade galega mostre todo o seu talento. A visibilidade deste programa foi un dos motivos principais de que o número de participantes aumentara ao redor dun 30% con respecto o ano pasado.

A conselleira de Política Social animou á xuventude galega a continuar mostrándolle ao mundo todo o que son capaces de facer, e asegurou que, pola súa banda, o Goberno galego seguiraos a apoiar para dar a coñecer todo o talento e potencial nas diferentes vertentes deste programa.

Final de graffiti

Os 10 participantes desta final de graffiti realizarán en directo ao longo desta xornada a súa creación, que unha vez rematada será avaliada polo xurado. Os finalistas son: Marcos Fernández Cea (Sober), coa obra A trifulca das ideas; Sergio Leirós Pérez (Redondela), coa obra Técnica de graffiti; Julia Amigo López Abente (A Coruña), coa obra Valeria; Ismael Pérez Fernández (A Coruña), coa obra Macaco; Daniel Fernández Vargas (Baiona), coa obra Entusiasmo luminoso; Alva Vidal Capón (Tui), coa obra Se o carballo falase; Fernanda Rodríguez Miguélez (A Coruña), coa obra Escornabois; Daniel Abreu Fernández (Navia), coa obra Level´20; Adrián Lomba Balea (Vigo), coa obra Estilo en continua construcción; e Javier Caamaño Pérez (A Coruña), coa obra O raposo.

14 modalidades

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Graffiti, o certame premia as mellores creacións noutras 13 disciplinas: Teatro, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Graffiti, Moda, Música, Poesía e Videocreación, Fotografía, Artes plásticas, Creación de videoxogos e Novela Curta. Estas dúas últimas categorías foron engadidas nesta edición que cumpre once anos.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Premiados xa coñecidos

Xa se coñecen tamén os gañadores na categoría de Teatro, que foron os grupos Palimoquiños e Cía de Lugo (primeiro premio); Loghengrin Teatro de Vigo (segundo clasificado) e Farándula Velutina de Corcubión (terceiro premio). Así mesmo, mañá sábado terá lugar a fase final da especialidade de Graffiti na Alameda de Santiago de Compostela, a partir das 12,30 horas.

No apartado de Artes Plásticas o primeiro premio foi para Adriana Brantuas Arijón, coa escultura A memoria do baleiro (Santiago de Compostela); o segundo recaeu en María del Mar Ramón Soriano pola súa peza escultórica titulada Desnudo, juego de bolos (Ourense); e o terceiro premio resultou compartido entre Sara Piñeiro Fernández, coa pintura Pandermia —serie magma, simulacións do corpo ubicuo— (Lalín) e María López Quiroga pola obra pictórica Atlas de xeografía cognitiva (Lugo).

Por último, na especialidade de fotografía, os premiados foron: Helena Lafuente González, gañadora do certame coa obra O pasado esquecido (Bergondo); o segundo premio foi compartido por Cecilia López Prego con Nihil timeo (Oleiros) e Eva Antelo Mata coa instantánea Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2 (Santa Comba); e terceiro premio tamén outorgouse compartido entre Adrián Vázquez Rodríguez coa proposta titulada A outra festa (Lugo) e Olaya Rodríguez Pérez pola fotografía A sombra da utopía (Verín).
 

Imaxes relacionadas