A Xunta adxudica por case 42.000 euros as obras de mellora da ruta das Dúas Vertentes, no parque natural Serra da Enciña da Lastra

A actuación, impulsada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e con financiamento do programa operativo Feader, busca potenciar a utilidade pública do espazo facilitando información sobre as especies máis representativas e os seus valores naturais, ao tempo que se actúa no mobiliario e nos muros de pedra

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 41.832,19 euros correspondentes ás anualidades de 2020 e 2021 as obras de mellora da ruta das Dúas Vertentes, no Concello de Rubiá (Ourense), así como o servizo de coordinación de seguridade e saúde da devandita obra.

Trátase dunha zona localizada no parque natural Serra da Enciña da Lastra. Coa intervención prevista, preténdese acadar unha mellora da paisaxe agraria tradicional e a dotación de elementos que potencien a utilidade pública do espazo facilitando información de especies representativas da ZEC (Zonas Especiais de Conservación) e ZEPA (Zonas de Especial Protección para as Aves) Serra da Enciña da Lastra, mediante a recuperación de muros de pedra tradicionais, a instalación de mobiliario e a mellora da información dos valores naturais mediante colocación de paneis sobre especies protexidas.

As intervencións proxectadas comprenden, entre outras, a demolición de muros e traballos previos de preparación das ribadas; a construción dun muro de contención e a realización in situ de catro metros lineais de bancos de pedra; a instalación dun sinal identificativo/informativo do espazo de temática de aves protexidas; e a colocación dun cartel de obra temporal e dunha placa permanente tamaño A3.

Esta actuación na ruta das Dúas Vertentes, impulsada e promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, conta cun prazo de execución de catro meses desde o levantamento da acta de replanteo e contará con financiamento europeo, a través dos fondos Feader.