Luisa Piñeiro asiste en Pontevedra ao obradoiro inaugural do Mes da Ciencia en Galego impulsado pola Consellería de Cultura

A iniciativa creativa 'Precine', a cargo de Raquel Queizás, abre a programación, que se estenderá durante todo este mes con outros catro eventos infantís e unha exposición

As actividades, que se desenvolverán na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, pretenden fomentar o uso do galego na literatura científica

Pontevedra, 6 de novembro de 2020.- A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, asistiu esta tarde ao obradoiro inaugural da programación do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que pretende fomentar o emprego do galego na literatura científica.

A iniciativa creativa Precine, a cargo de Raquel Queizás, desenvolveuse na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra coa asistencia dunha decena de cativos, que cubriron todas as prazas dispoñibles polas restricións de aforo ante a crise sanitaria da covid-19. A actividade consistiu nos inicios do cinema e no deseño, por parte dos rapaces, dos seus primeiros debuxos animados e de xoguetes ópticos.

A programación continuará cos obradoiros O xogo de Ender da man de novos científicos (13 de novembro); Pon a túa mellor cara con Jorge Valenciano (19 de novembro); Entre libros e xabóns a cargo de Reviravolta (20 de novembro); e CinemaKids con Juan Juste (27 de novembro). Todos eles terán lugar no espazo de actividades da planta baixa e, por seguridade sanitaria, precisan dunha inscrición previa gratuíta a través do número de teléfono 886 159 249 entre as 9,00 e as 14,00 horas.

Paralelamente, e ata o día 30 de novembro, a Biblioteca Antonio Odriozola tamén acollerá, ao abeiro deste Mes da Ciencia en Galego, a exposición Unha viaxe espacial moi especial: centro de interese sobre o espazo, que se poderá visitar na sala infantil de luns a venres en quenda de mañá e tarde e os sábados entre as 10,00 e as 14,00 horas.

Imaxes relacionadas