Román Rodríguez presidiu a reunión do Comité Educativo, que deu o visto e prace á constitución destes órganos colexiados

As comisións provinciais de seguimento avaliarán as situacións individuais de absentismo no contexto covid e os seus ditames serán vinculantes

Encargaranse de realizar un seguimento específico caso a caso con fin de ofrecer unha resposta educativa integral sempre primando o interese do menor e a protección do dereito á educación

As comisións estarán integradas por representantes das áreas educativa, sanitaria, de servizos sociais e da administración local

Aténdese así unha demanda dos directores dos centros e das familias

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

O Comité Educativo, na súa reunión de hoxe, deulle o visto e prace ao borrador da orde pola que se constitúen as comisións provinciais de seguimento ante as posibles situacións de absentismo con orixe na covid-19, que serán as encargadas de realizar unha análise pormenorizada de cada caso de xeito individual e os seus ditames terán carácter vinculante.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez −que presidiu a xuntanza do Comité Educativo− explicou que o contexto de pandemia “require ter unha sensibilidade especial” e dar unha resposta educativa integral a cada situación de absentismo de xeito que non derive en maiores inconvintes ao propio alumno ou á súa familia, pero sempre “primando o interese do alumno” e “avalada polos pertinentes informes médicos”.

Tendo en conta que a escolarización é unha obriga para os nenos de entre 6 e 16 anos agás nos casos xustificados desde unha perspectiva sanitaria, nesta nova situación de covid, é necesario dispor dunha visión integral das circunstancias concorrentes para cada situación, baseadas en evidencias, e sempre primando o interese superior do menor e o seu dereito á educación.

De aí a constitución das catro comisións provinciais de seguimento, que permitirán unha visión integral e unha axeitada formación de criterio na valoración dos casos debidamente xustificados que se lle sometan. Coa constitución −ao longo deste mes de novembro− destes órganos colexiados de carácter multidisciplinar e multinivel, aténdese tamén unha demanda expresada polos directores dos centros e das familias, co fin de abordar da forma máis rigorosa posible os casos de absentismo con orixe no contexto de pandemia.

Así, a partir de agora serán estas comisións provinciais as encargadas de facer un seguimento moi específico de todos os casos individuais que se produzan, co fin de obter información detallada e, deste xeito, tomar as decisións máis axeitadas tendo en conta todas as variables que poidan concorrer en cada situación.

A actividade destas comisións centrarase exclusivamente naqueles casos de absentismo que poidan estar vinculados á situación de pandemia causada pola covid-19. Serán as xefaturas territoriais de Educación as encargadas de derivar estes casos á Comisión Provincial correspondente, logo de ter iniciado o procedemento establecido no Protocolo de prevención do absentismo en Galicia, e previo informe da Inspección Educativa.

Resposta educativa axeitada

Para determinar os casos que, excepcionalmente, deben ser elevados a ditame das comisións provinciais de seguimento, valorarase a situación particular de cada menor ponderando a súa situación de saúde e familiares convivintes, as circunstancias socio-familiares concorrentes, así como a situación e evolución epidemiolóxica en cada momento.

Os ditames das comisións provinciais serán vinculantes, e os centros educativos deberán articular a resposta educativa axeitada a ditos ditames.

Estas comisións estarán constituídas por representantes das áreas educativa, sanitaria, de servizos sociais e da administración local. Cada unha delas estará presidida por la persoa titular da Xefatura Territorial con competencias en educación ou persoa en quen delegue, e integraranas tamén os xefes de servizo da Inspección Educativa das provincias, os titulares da Xefatura Territorial con competencia en Sanidade ou persoa en quen delegue, unha persoa designada polo titular da Xefatura Territorial con competencias en menores, un representante dos Equipos de Orientación Específicos e un representante dos servizos sociais dos concellos da provincia, á proposta da Fegamp.

A maiores, para unha mellor valoración dos casos e formación de xuízo, as comisións provinciais poderán solicitar a participación de representantes doutro órganos, institucións ou administracións públicas, co fin de que aporten elementos de xuízo relevantes na valoración dos casos.

Imaxes relacionadas