As obras de reforzo do firme nas estradas PO-224 e PO-223 ao seu paso por Pontevedra farán necesaria a regulación do tráfico durante as tres vindeiras semanas

Desde hoxe e ata o mércores 11 a circulación na estrada entre Ponte Bora e San Antoniño será alternativa e estará regulada por semáforos
 

Está programado o desvío alternativo de tráfico na estrada que une Pontevedra e Campo Lameiro a partir do vindeiro martes día 10 e ata finais de mes
 

As intervencións forman parte dun contrato máis amplo co que se está a mellorar o firme en estradas autonómicas das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas
 

As obras deste contrato, cun investimento global da Xunta de preto de 1 millón, iniciáronse en setembro e o obxectivo é telas rematas este mesmo ano
 

As actuacións céntranse na rehabilitación da capa de rodadura onde estea deteriorada, así como na reposición da sinalización horizontal
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2020

O avance nas obras de reforzo de firme que a Xunta está a executar nas estradas autonómicas PO-224 e PO-223 ao seu paso polo concello de Pontevedra farán necesaria a regulación do tráfico durante as tres vindeiras semanas.

Realizaranse traballos de fresado e reposición de firme nestas dúas estradas polo que, para facilitar a mobilidade na zona, o tráfico será alternativo e estará regulado por semáforos ou por sinalistas.

Estas medidas no tráfico aplícanse desde hoxe e ata o vindeiro mércores día 11 na estrada entre Ponte Bora e San Antoniño, a PO-224. Mentres, segundo a programación dos traballos, o desvío alternativo de tráfico na estrada PO-223, que une Pontevedra e Campo Lameiro, comezará o vindeiro martes día 10 e estenderase ata finais de mes. Estes traballos están suxeitos ás condicións meteorolóxicas.

As intervencións forman parte dun contrato máis amplo co que se está a acondicionar a capa de rodadura en distintas vías autonómicas das comarcas de Pontevedra, O Salnés e Caldas. E o obxectivo é ter rematadas todas as actuación este mesmo ano.

As obras deste contrato, cun investimento da Xunta de preto de 1 millón, xa se iniciaron en setembro e contan cun prazo de execución de 4 meses.

As actuacións lévanse a cabo en varios tramos das estradas PO-223, PO-224, PO-300, PO-305, PO-308 e PO-309, ao seu paso polos municipios de Pontevedra, Campo Lameiro, Barro, Meis, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo e Poio.

O obxectivo é a rehabilitación do firme naqueles puntos nos que a capa de rodadura se atope deteriorada, coa finalidade de reforzar a seguridade viaria. Tamén se prevé a reposición da sinalización horizontal en varios treitos.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e mantemento da rede viaria autonómica para incrementar a seguridade e comodidade dos usuarios das estradas.