A Xunta mobiliza 35 millóns de euros en axudas para a reforma enerxética de vivendas e edificios, o que permitirá crear 2.300 empregos

Feijóo explica que serán subvencionables: actuacións na envolvente térmica dos edificios, o uso de enerxías renovables e melloras nas instalacións de iluminación

Avanza a publicación desta convocatoria no DOG deste venres

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

Logo da decisión de que as comunidades autonómicas sexan as encargadas de convocar as axudas do Programa estatal de mellora e eficiencia enerxética de vivendas e edificios, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, tras a reunión do Consello, a convocatoria deste programa, que estará dotado con 17 millóns de euros a repartir nos vindeiros tres anos -2021,2022,2023-, o que permitirá mobilizar 35 millóns de euros e crear 2.300 postos de traballo.

Así mesmo, cómpre salientar que as actuacións subvencionables deberán encaixar en algunha das seguintes tipoloxías: actuacións na envolvente térmica dos edificios; uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e melloras nas instalacións de iluminación.

Por outra banda, os beneficiarios serán, principalmente: as persoas físicas propietarias de vivendas unifamiliares ou edificios residenciais, e as comunidades ou agrupacións de propietarios.

Se ben o DOG publicará este venres a resolución con todos os detalles, Feijóo avanzou que as subvencións terán unha contía base e unha contía adicional en base a tres criterios: criterio social, a eficiencia enerxética e que sexa unha actuación integrada.

Este programa súmase a outros que está a desenvolver o Goberno galego, como o Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas, do que nas tres convocatorias anteriores xa se beneficiaron 4.500 vivendas.

Imaxes relacionadas