Galicia viviu o mes de outubro máis frío desde o ano 2008 e con precipitacións que se moveron dentro dos valores habituais

O avance do informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia conclúe que sobre todo as máximas foron máis baixas do agardado, cunha anomalía media das temperaturas que se situou 0,69 graos por debaixo do esperado

O período estivo marcado pola influencia de sucesivas borrascas, destacando o paso de ‘Alex’ a comezos de mes e o de ‘Bárbara’, durante a segunda quincena

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

A Comunidade galega viviu un mes de outubro frío e con precipitacións que se quedaron en valores moi próximos á normalidade. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que en comparación cos valores das estacións máis representativas da comunidade no período histórico de referencia, este outubro foi o máis frío desde o ano 2008.

A tónica xeral en Galicia ao longo de todo o mes foi a entrada de sucesivas borrascas, de xeito intermitente pero con moita actividade. Así, outubro arrancou o día 2 co paso de Álex, que deixou na Comunidade galega fortes refachos de vento, chuvia e a entrada de aire frío que mesmo provocou a primeira nevarada do outono en cotas altas.

Na segunda quincena, a borrasca Bárbara volveu deixar outro episodio de fortes ventos e precipitacións xeneralizadas en toda a comunidade, concretamente durante o 19 e o 20 de outubro, e a finais de mes Galicia viuse afectada pola influencia dunha gran borrasca localizada ao sur de Islandia e resultante do encontro dos restos do furacán Épsilon e unha borrasca de orixe polar.

En cambio, entre os días 7 e 12 de outubro, a Comunidade galega viviu un período marcado pola influencia anticiclónica, con xornadas de tempo seco e cálido, nas que se produciu un ascenso xeneralizado das temperaturas.

Este comportamento explica que o mes rematara cunha anomalía media da temperatura de 0,69 graos por debaixo do habitual, de xeito que outubro poda considerarse frío se se compara cos valores medios das estacións máis representativas durante o período histórico de referencia 1981-2010.

En todo caso, houbo unha gran diferencia entre o comportamento no terzo norte e no resto da Comunidade galega. Así, no primeiro caso as temperaturas medias rexistradas mesmo acadaron anomalías positivas (0,8 graos máis do habitual), mentres que no resto do territorio o mes resultou frío en xeral, con valores ata 2,4 graos por debaixo do agardado nas zonas da alta montaña ourensá, incluída tamén a Serra do Xurés.

Normalidade nas precipitacións

Polo que respecta ás precipitacións, outubro caracterizouse por moverse en valores que se consideran dentro da normalidade xa que os distintos episodios de borrascas deixaron cantidades significativas de chuvia.

Deste xeito, a precipitación media acumulada en Galicia foi de 198 litros por metro cadrado. A anomalía media respecto dos datos correspondentes ás 16 estacións meteorolóxicas máis representativas foi un 5% superior ao valor climático habitual, polo que o comportamento do mes en comparación coa serie histórica considérase normal e contrasta claramente co sucedido en outubro do ano 2019, que foi un mes moi húmido.

Por áreas xeográficas, as precipitacións acumuladas máis altas acadáronse principalmente no oeste de Galicia, destacando en concreto a Terra de Xallas e as serras do Suído e do Testeiro, na provincia de Pontevedra, con valores próximos aos 400 l/m2. Pola contra, as zonas nas que choveu menos en outubro localizáronse na provincia de Ourense, con varios municipios nos que as precipitacións acumuladas non chegaron aos 80 l/m2.

Imaxes relacionadas