Luisa Piñeiro garante a continuidade da “máxima colaboración” da Xunta co Concello de Ponteareas tras realizar investimentos por 20M€ en catro anos

A delegada recolleu as peticións cursadas polo alcalde, Xosé Represas, sobre saneamentos, augas, infraestruturas, os centros educativos e a estación de bus

A representante autonómica destaca o “compromiso” da Xunta con Ponteareas, centrado sobre todo en emprego, estradas e política social, e anuncia a súa máxima disposición coas necesidades da veciñanza

Ponteareas, 5 de novembro de 2020

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Ponteareas e garantíu a continuidade da “máxima colaboración” por parte do executivo galego coa capital do Condado tras realizar investimentos por preto de 20 millóns de € nos últimos catro anos.

A representante autonómica celebrou unha reunión de traballo co alcalde, Xosé Represas, para recoller as súas peticións, que estiveron centradas principalmente en proxectos de saneamentos, augas, infraestruturas, centros educativos e a estación de autobuses.

Así, detallou que se lle fixo chegar unha relación, aprobada por consenso polos grupos municipais, que inclúe un acordo para o abastecemento San Mateo de Oliveira e Moreira, a primeira fase do saneamento da poboada parroquia de Ribadetea, que está a ser redactado por Augas de Galicia, o convenio con Acuaes para os novos colectores da contorna do núcleo urbano e a nova depuradora en Moscadeira e a construción dunha potabilizadora na Ponte das Partidas.

Tamén se abordou a petición de incluír os centros educativos públicos nos programas da Consellería de Educación para acometer a súa eficiencia enerxética e funcional, a renovación da estación de autobuses, cuxo proxecto xa foi redactado pola Xunta de Galicia, e a posibilidade de reformar a estrada PO-403 dende o cruce coa Nacional N-120 ata o enlace coa Autovía A-52, xa que deste xeito o Concello asumiría o tramo urbano para a súa humanización.

Luisa Piñeiro recalcou que a aposta e o compromiso da Xunta con Ponteareas “son claros e rotundos” e plásmanse nos máis de 20 millóns de euros investidos nos últimos catro anos con especial incidencia na política social, con 6,4 millóns, os programas de emprego, que recibiron máis de 3 millóns, e as infraestruturas, xa que renovouse o estado dunha decena de estradas autonómicas e destináronse preto de 3 millóns máis ao Concello a través do Fondo de Cooperación Local.

Finalmente, a delegada territorial, que agradeceu a acollida por parte dos representantes municipais, reiterou a súa “máxima disposición” a atender e xestionar as necesidades da veciñanza de Ponteareas e anunciou que manterá un contacto periódico e cercano co Concello para facer seguimento destes proxectos.

Imaxes relacionadas