A Xunta salienta a importancia da transformación dos produtos do mar como motor da economía e sector esencial durante a crise pola covid-19

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, salientou hoxe a importancia do sector da transformación dos produtos do mar como motor da economía galega, mediante a xeración de emprego e riqueza, e tamén como actividade esencial ante situacións de dificultades como a derivada da alerta sanitaria polo coronavirus. A representante da Consellería do Mar, que participou na presentación do encontro virtual Dixitalización en tempos da covid-19, subliñou que a industria conserveira está na vangarda da acción empresarial exterior de Galicia e animou ás empresas do sector a mellorar a súa competitividade para que a comunidade manteña a súa posición de primeira rexión produtora de Europa e segunda a nivel mundial.

Mercedes Rodríguez tamén incidiu durante a súa participación no encontro organizado pola patronal Anfaco-Cecopesca na transcendencia de que o tecido empresarial galego aposte pola calidade dos produtos do mar transformados e pola busca de maior valor engadido pois iso contribuirá a reforzar a cadea mar-industria de Galicia. Neste eido, explicou, a dixitalización é clave, ao igual que a unión e a colaboración en materia de innovación para mellorar os produtos e procesos, unha liña de traballo que forma parte da estratexia mantida nos últimos anos polo propio sector e a Xunta. Por iso, aplaudiu a organización deste evento, que permite poñer en contacto ao sector, compartir os coñecementos adquiridos e impulsar a industria de transformación dos produtos do mar para que siga sendo punteira.

Imaxes relacionadas