Os directores xerais de Defensa do Monte, Planificación e Ordenación Forestal e Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, asistiron hoxe ao Parlamento

Galicia solicitará no primeiro trimestre do ano 2021 o estatuto de rexión oficialmente indemne de tuberculose bovina

José Balseiros lembrou que a nosa comunidade xa está libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa, ademais de leucose enzoótica bovina e perineumonía contaxiosa bovina

O director xeral de Gandaría destacou que a Xunta xa pagou na última semana de outubro un total de 38 millóns de euros en adiantos das axudas da PAC, dentro dos prazos establecidos polo regulamento europeo

Pola súa parte, José Luis Chan destacou que se segue apostando polo control biolóxico para loitar contra a avespiña do castiñeiro mediante soltas do Torymus sinensis, parasito que está a asentarse nos soutos galegos

Fernández-Couto deu conta dos 112 lumes rexistrados no parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés dende 2016, destacando que os danos e a súa extinción supuxo un gasto de máis de 13,3 millóns de euros sen contar os lumes de setembro

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, adiantou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento que Galicia solicitará, no primeiro trimestre do ano 2021, o estatuto de rexión oficialmente indemne de tuberculose bovina.

Neste senso, o director xeral aclarou que a provincia de Pontevedra xa está declarada indemne de tuberculose bovina desde o ano 2019, logrando ser a primeira provincia peninsular española en acadar este estatuto. Deste xeito, procúrase que Galicia acade este estatuto ao longo do ano 2021 ao cumprir os requisitos establecidos para tal fin, que pasan por ter unha prevalencia de rabaño inferior ao 0,1% (Galicia está no 0,03%) nos últimos seis anos, entre outras cuestións.

Ademais, José Balseiros lembrou que a nosa comunidade xa está libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa, ademais de leucose enzoótica bovina e perineumonía contaxiosa bovina. Todas elas, enfermidades que seguen sometidas a programas nacionais de erradicación para que Galicia siga tendo estes bos datos en canto á sanidade animal.

Noutra orde de cousas, o director xeral respondeu unha pregunta sobre os anticipos das axudas da Política Agraria Común, onde sinalou que a Xunta xa pagou na última semana de outubro un total de 38 millóns de euros neste concepto e dentro dos prazos establecidos polo regulamento europeo. Ademais, José Balseiros destacou que a esta cifra súmanse outros 22,5 millóns de euros adiantados polas entidades bancarias no marco do convenio asinado coa Consellería, que permitiu abrir unha liña de préstamos a interese cero co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán e do que a Xunta pago 225.000 euros da comisión de apertura destes anticipos para que os produtores as puidesen cobrar a custo cero.

Sobre isto, e á marxa dos pagamentos anteriores, Balseiros explicou que o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) fará un novo pagamento no mes de decembro doutros 92 millóns de euros ata acadar os case 153 millóns de euros en axudas a agricultores e gandeiros. A estas axudas, matizou, hai que sumarlle os máis de 30 millóns de euros correspondentes ás axudas agroambientais, de zonas con limitacións naturais e agricultura ecolóxica.

Tratamentos para os castiñeiros

Pola súa parte, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, deu conta dos tratamentos que está a levar a cabo a Xunta para loitar contra as pragas e enfermidades que afectan aos castiñeiros. Así, sinalou que a Xunta segue apostando polo control biolóxico para loitar contra a avespiña do castiñeiro mediante soltas do Torymus sinensis, o parasito que está a asentarse nos soutos galegos.

Neste senso, o director xeral sinalou que, de modo xeral, as parasitacións obtidas acadan de media un 3% nas zonas de maior superficie de castiñeiros e, polo tanto, de produción de castañas (zonas de soutos do interior de Lugo e Ourense), o que garante o establecemento de poboacións estables do parasito. Con todo, en moitos dos puntos analizados a parasitación chega ao 20% e, puntualmente, ao 44%. Tendo en conta estas cifras do asentamento do Torymus, matizou Chan, constátase que a Xunta comeza a gañar a batalla contra a avespiña do castiñeiro a través da loita biolóxica, coa que se pretende manter as poboacións de avespiña por debaixo do umbral de danos nas plantas de castiñeiros para Galicia.

Así, José Luis Chan informou que no plan de control deste ano 2020, a Consellería procedeu á solta de case 1,6 millóns de parasito en 7.524 puntos de Galicia, cubrindo a totalidade das masas de castiñeiros galegos. Estas soltas realizáronse en soutos continuos de castiñeiro, concentrando o número de individuos con respecto a anos anteriores para instalar poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas. Así mesmo, a Xunta prevé soltar outros 1,6 millóns de individuos de Torymus sinensis, o que suporá un orzamento de 2,2 millóns de euros, é dicir, case un 3% máis que o investido no presente exercicio.

No tocante ao cancro do castiñeiro, José Luis Chan sinalou que, dende o ano 2011, lévanse realizadas máis de 120.000 inoculacións de cepas hipovirulentas para loitar contra esta enfermidade e que, no presente exercicio, espérase actuar en preto de 20.000 árbores. Así mesmo, adiantou que se están buscando novas cepas hipovirulentas para tratar a ese 20% de árbores que son inmunes aos tratamentos actuais, da man da Estación Fitopatóxica do Areeiro, do Centro de interpretación da castaña de Riós e de agrupacións e asociacións de castaña.

Parque Natural do Xurés

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, deu conta dos lumes acontecidos no parque natural da Baixa Limia Serra do Xurés dende o ano 2016, sinalando que ata o de agora se rexistraron un total de 112 incendios, que afectaron a unhas 9.900 hectáreas de superficie das 30.000 hectáreas que ten este parque.

Neste senso, o director xeral sinalou que tras as correspondentes investigacións realizadas polas brigadas de investigación de incendios forestais (BRIIF), en colaboración coa Policía Autonómica e o resto de forzas e corpos de seguridade do Estado, máis do 80% destes lumes foron intencionados fronte o case 3% ocorridos de forma natural. Ademais, Fernández-Couto indicou que os danos e os custos de extinguir estes 112 lumes supuxo un gasto para a Administración galega de máis de 13,3 millóns de euros, sen contabilizar aínda os gastos dos acontecidos este mes de setembro. Deste xeito, Fernández-Couto indicou que, de non teren que investir esa cifra en extinción, poderían terse dirixido a outras accións no rural galego.

Por último, sinalou que a Xunta leva reforzando a prevención e vixilancia nesta zona. Así, sinalou que dende o ano 2016 construíronse un total de 28 novos puntos de auga neste parque, creáronse 376 hectáreas de cortalumes, así como a xestión de biomasa en máis de 1.230 hectáreas e 10 quilómetros de mellora de pistas forestais. No tocante á recuperación de solos, avanzou que este ano vanse investir 250.000 euros no concello de Lobios para actuar en 150 hectáreas afectadas nos últimos lumes de setembro coa técnica de mulching en faixas alternas para previr erosións no solo.

Departamento:
C. do Medio Rural