A Xunta leva a cabo actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Arteixo

As tarefas desenvólvense en distintos tramos deste río, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares da parroquia de Loureda, no concello de Arteixo

As actuacións inclúen a retirada de árbores e pólas caídas, así como roza selectiva limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Arteixo, ao seu paso por este municipio coruñés.

As tarefas execútanse en distintos tramos deste río, ao longo de máis de 1,8 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares da parroquia de Loureda, no concello de Arteixo.

As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos. Inclúese tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas