A Xunta pagou a semana pasada 6,7M€ a máis de 2.300 agricultores e gandeiros da comarca de Santiago correspondentes aos anticipos das axudas da PAC 2020-2021

Estes pagos, que realiza o Fondo Galego de Garantía Agraria, céntranse nos anticipos das liñas de vacún de leite e de carne

Xa no mes de decembro, e como viña sendo habitual, o Fogga realizará un novo pago de anticipos, beneficiando a un total de 26.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade

Boimorto (A Coruña), 4 de novembro de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, visitaron esta mañá a gandería Sat Menor dedicada á produción de leite para informar sobre o pago dos anticipos das axudas da PAC 2020-2021 que se realizaron a semana pasada. O representante do Goberno autonómico destacou que “estas axudas son as máis importantes tanto polo número de beneficiarios como polo importe concedido, e son básicas na aposta da Xunta por fomentar a competitividade da agricultura galega, para que o rural sexa sinónimo de emprendemento”.

Trenor informou que tan só na zona de influencia de Santiago os anticipos da PAC chegaron a máis de 2.300 agricultores e gandeiros, cun investimento de arredor de 6,7 millóns de euros. A nivel provincial os anticipos chegaron a 5.000 agricultores e gandeiros da Coruña que percibiron 13,4 millóns de euros desta orden.

Trenor destacou que “un ano máis, Galicia está entre as primeiras comunidades autónomas que pagan anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC) correspondentes á campaña 2020-2021”.

Así, por segunda vez neste período de programación da PAC, o Fogga realizou o pago de anticipos tras a realización de todas as comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo. Así, a Consellería do Medio Rural efectúa o pago do 70% da axuda total, o máximo establecido pola Comisión Europea.

En concreto, as liñas de axuda que se aboan son as de vacas nutrices, con 10,5 millóns de euros que beneficia a máis de 13.000 agricultores e gandeiros de toda Galicia, e de vacún de leite, con 27,3 millóns de euros e máis de 8.000 beneficiarios. Uns pagos que permiten dar liquidez ás explotacións gandeiras galegas.

Ademais, no mes de decembro prevese realizar un novo pago, de forma que no ano 2020 en Galicia se alcance o obxectivo de importes superiores a 140 millóns, beneficiando así a máis de 26.000 solicitantes galegos.

Convenio coas entidades financeiras

Ademais, cabe sinalar que un total de 1.852 gandeiros e agricultores galegos solicitaron a axuda de mínimis do anticipo da PAC ao abeiro do convenio de colaboración entre a Xunta e diferentes entidades financeiras por un importe superior aos 225.500 euros.

Este acordo, subscrito o pasado mes de maio, permitiu abrir unha liña de préstamos a interese cero co fin de que os agricultores e gandeiros galegos puideran percibir o anticipo das axudas da PAC xa no verán. Ditas solicitudes foron tramitadas nas entidades participantes de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank.

Esta medida formou parte do Plan de liquidez posto en marcha en maio pola Xunta para anticipar o pago de preto de 300 millóns de euros correspondentes a diferentes liñas de axudas que xestiona a Consellería do Medio Rural, co obxectivo de inxectar liquidez aos agricultores, gandeiros e silvicultores afectados pola emerxencia sanitaria, entre elas as da PAC.

Imaxes relacionadas