A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Mero no concello de Cambre

As tarefas inclúen a roza selectiva na marxe dereita da represa do muíño de Peirao, na parroquia de Bribes, e o reforzo dun noiro nun tramo de 15 metros da parroquia de Sigrás

Esta actuación súmase ás que está executar Augas de Galicia en distintos treitos do río Mero nas parroquias de Sigrás, Cambre e Almeiras, nos municipios Cambre e Culleredo, no marco dos labores de prevención nas áreas de risco de inundación

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver distintos traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Mero no municipio de Cambre.
Os traballos estanse a realizar en dous tramos diferentes deste río, executándose distintas actuacións de mantemento no dominio público hidráulico do municipio, ao seu paso polas parroquias de Bribes e Sigrás.


Na parroquia de Bribes, estanse a desenvolver tarefas de roza selectiva na marxe dereita da represa do muíño de Peirao; e na parroquia de Sigrás traballase nun tramo de 15 metros de lonxitude para o reforzo dun noiro.


En paralelo, xa no marco das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI), os operarios da Xunta están a actuar en distintos treitos do río Mero nas parroquias de Sigrás, Cambre e Almeiras. As actuacións esténdese ao longo de 2,5 quilómetros do lonxitude no percorrido do río por distintos lugares dos concellos de Cambre e Culleredo.


As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta. Inclúese tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos ocultos pola maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.


Todas estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas