O delegado territorial da Xunta en Ourense visita a nova sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro en Ribadavia

As novas instalacións emprazáronse no segundo andar e a baixo cuberta do antigo Centro Comarcal do Ribeiro

A Consellería do Medio Rural realizou neste ano 2020 unha inversión en obras de reparación da cuberta, na entrada do inmoble e na nova carteleira identificadora externa

Destacou que esta entidade, que conta máis de 5.500 viticultores rexistrados e 115 bodegas e colleiteiros adscritos, forma un tecido produtivo que propicia unha produción media de 14 millóns de quilos de uva

Ourense, 04 de novembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a nova sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, na vila de Ribadavia. No percorrido polas instalacións, estivo acompañado polo seu presidente, Juan Casares e o alcalde do concello, César Fernández. Todos, coincidiron nas excelentes condicións deste novo emprazamento que dotará ao Consello Regulador de máis operatividade e mellor servizo á cidadanía. En palabras do delegado territorial, “esta entidade, que conta máis de 5.500 viticultores rexistrados e 115 bodegas e colleiteiros adscritos, forma un tecido produtivo que propicia unha produción media de 14 millóns de quilos de uva, conformando un patrimonio vitivinícola no que se representa a esencia galega pola súa paisaxe, territorio e factor humano; por iso, a Xunta sempre atenderá ás súas necesidades”.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro mellorou o edificio para corrixir problemas de humidades procedentes da terraza e outros defectos estruturais. Neste caso, a Consellería do Medio Rural de Ourense realizou neste ano 2020 unha inversión en obras de reparación da cuberta, na entrada do inmoble e na nova carteleira identificadora externa, por máis de 8.000 euros

As novas instalacións emprazáronse no segundo andar e a baixo cuberta do antigo Centro Comarcal do Ribeiro, situado na rúa Redondela, 3 no concello de Ribadavia, onde se atopa tamén a Oficina Agraria Comarcal

Imaxes relacionadas