Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León rexeitan aumentar a protección do lobo porque dificultaría a súa axeitada xestión

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico está a valorar unha proposta para incluír o lobo ibérico no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o que suporía a perda da súa condición de especie cinexética e máis rixidez no seu control

As catro comunidades, que xestionan as poboacións de lobo máis numerosas e con mellor estado de conservación de todo o territorio español, defenden a necesidade de compatibilizar a existencia das mandas presentes no medio rural, coa gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións gandeiras

Os conselleiros de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León remitiron unha carta á ministra Teresa Ribera para trasladarlle os prexuízos que suporía a prohibición de cazar este animal ao norte do río Douro e a dificultade para realizar controis poboacionais onde o sector gandeiro sofre o impacto dos seus ataques

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León consideran innecesaria a inclusión do lobo ibérico no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lespe), unha proposta que o Goberno central leva analizando desde hai varios meses. Así llo trasladaron as catro comunidades autónomas á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, nunha carta conxunta asinada en nome da Xunta pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Segundo expoñen na misiva, outorgarlle ao lobo un nivel de protección adicional sobre o que xa ten nestes momentos sería unha decisión claramente contraria aos intereses das comunidades do norte do río Douro, que contan con importantes poboacións desta especie asentadas no seu territorio e, por tanto, son as que sofren as maiores consecuencias sobre o sector gandeiro dos ataques puntuais destes animais.

A inclusión do lobo no Lespe suporía a prohibición xenérica da súa caza, de xeito que deixaría de ser considerada unha especie susceptible de aproveitamento cinexético en determinados supostos. Só se podería autorizar excepcionalmente a captura dalgún exemplar baixo criterios moito máis estritos que na actualidade, unha limitación que, como expuxo a directora, poría moito máis difícil a comunidades como Galicia recorrer a accións cinexéticas puntuais cando estes animais ameacen os intereses gandeiros.

Neste sentido, a oposición da Xunta á proposta baséase no feito de que sería totalmente contraria ás políticas desenvolvidas na comunidade nos últimos anos co obxectivo de buscar a compatibilidade entre a existencia de manadas de lobos (distribuídas principalmente polas provincias de Lugo e Ourense pero con presenza en todo o territorio galego) coa gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións destas zonas.

De feito, tal e como se cita na carta conxunta á ministra, no caso de Galicia estes cambios respecto do nivel de protección do lobo ibérico mesmo poderían poñer en risco o futuro dalgunha raza autóctona.

Cómpre precisar que a decisión de dirixirse a Teresa Ribera para trasladarlle o seu rexeitamento a esta posibilidade adoptouse tras a reunión celebrada telematicamente o xoves 22 de outubro entre os catro directores xerais do ramo e o director xeral de Biodiversidade, Bosques e Desertización do Ministerio, Jorge Marquínez, unha xuntanza solicitada xa en setembro polas catro comunidades, ao considerar que serían as máis afectadas en caso de prosperar a iniciativa.

Durante esa reunión, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, defendeu en nome de Galicia que o Plan de Xestión do Lobo en Galicia (2008) garante o mantemento dunha poboación estable desta especie, recoñece o seu papel como parte destacada do patrimonio natural e cultural da comunidade e ao mesmo tempo, garante un equilibrio entre a súa presenza no territorio e a actividade gandeira. “Non consideramos necesaria unha protección particular adicional á que xa existe”, argumentou do Campo.

Por todo o exposto, os catro responsables autonómicos amosaron a súa total disconformidade coa inclusión no Lespe de todas as poboacións de lobo ibérico localizadas ao norte do Douro, a pesar de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico xa mostrou publicamente o seu apoio á proposta, antes incluso de debater ou consultar ao respecto ás rexións que se verían máis prexudicadas.

En todo caso, Galicia non se opón a que se poida establecer un réxime distinto para o resto de poboacións de lobo ibérico presentes noutras zonas, tal e como piden outras comunidades que consideran de interese incluír esta especie no Lespe.

Ademais de Ángeles Vázquez, os asinantes da carta á ministra Ribera son o conselleiro de Fomento e Medio Ambiente de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; o conselleiro de Desenvolvemento Rural, Gandaría, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de Cantabria, Juan Guillermo Blanco; e o conselleiro de Medio Rural e Cohesión Territorial de Asturias, Alejandro Jesús Calvo.

Debate no grupo de traballo e compensacións por parte do Estado

Así mesmo, a Xunta tamén aproveitou a xuntanza telemática co Ministerio para defender que a proposta, con carácter previo a que o Goberno a eleve ao seo do Comité de Flora e Fauna Silvestre, se poida debater no marco do grupo de traballo do lobo ibérico. A función deste organismo é, precisamente, a de asesorar e proporcionar os elementos necesarios para que o Comité adopte este tipo de decisións.

En todo caso, se finalmente o Ministerio decide elevar o nivel de protección desta especie a pesar da fronte común conformada polos gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, do Campo defendeu que a medida tería que contemplar as correspondentes compensacións económicas polo impacto que terá sobre o sector gandeiro.

De feito, nos últimos anos constatouse un incremento significativo dos danos producidos polo lobo en Galicia. Así, entre 2014 e 2019 o número de avisos por este tipo de ataques experimentou un incremento dun 126% (pasando de 618 a 1.397 avisos neste período).

Neste sentido, lembrou que a Xunta leva máis dunha década convocando con periodicidade ordes de axudas dirixidas tanto a previr como a paliar os danos que ocasionan os lobos asentados na comunidade, un esforzo que considera que o Goberno tamén debería asumir se limita a capacidade para establecer medidas puntuais de control destas poboacións.

Así, cómpre subliñar que en 2019 a liña de axudas autonómica para previr ataques de lobo estivo dotada de 200.000 euros, incrementándose este ano ata os 230.000 euros; e a orde de axudas para compensar os danos provocados por esta especie mobilizou 350.000 e 400.000 euros, respectivamente, nas súas convocatorias dos dous últimos anos.

Imaxes relacionadas