A Xunta aposta por fomentar a utilización de madeira local certificada

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou nunha xornada formativa sobre certificación FSC

A iniciativa conta co apoio da Administración autonómica no marco da Estratexia de Formación da Industria Forestal, dentro da cal se apoia con preto de 500.000 euros a posta en marcha de 157 accións formativas

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2020

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, destacou hoxe na presentación mediante videoconferencia dunha xornada sobre certificación FSC de xestión forestal e cadea de custodia a aposta da Xunta por fomentar a utilización de madeira local certificada en ámbitos como a construción, a rehabilitación ou o empaquetado.

Este compromiso plásmase a través de diferentes programas de apoio, como as axudas para o fomento da utilización de madeira, cuxo prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 30 de setembro, ou o papel do CIS Madeira, que presta asesoramento técnico neste ámbito.

Do mesmo xeito, a Administración autonómica colabora con distintas entidades, como a Universidade de Vigo, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ou o Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela, centrado na caracterización de madeiras locais.

A xornada celebrada hoxe, organizada en colaboración coa organización acreditadora de certificación forestal, conta co apoio da Xunta dentro da Estratexia de Formación da Industria Forestal. Neste marco, Xera apoia con preto de 500.000 euros a posta en marcha de 157 accións formativas, nas que se espera que participen 2500 profesionais, e 14 accións de divulgación que se prevé que chegarán a 10.000 persoas.

Imaxes relacionadas