A Xunta contribúe con 500.000 euros á reactivación da actividade de 38 compañías e de catro salas escénicas

Publícase na web da Agadic a adxudicación desta nova liña de subvencións para o impulso do sector escénico, dirixida ao fomento de residencias artísticas que relancen montaxes xa producidas

Préstaselle unha especial atención á danza, con 100.000 euros destinados a 12 proxectos

Con esta contía, elévase a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas a través do Plan de reactivación do sector cultural

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

A Xunta destina 500.000 euros a relanzar a actividade de 38 compañías e de catro salas escénicas como adxudicatarias das novas subvencións para o impulso deste sector en Galicia, creadas ao abeiro do Plan autonómico de reactivación cultural fronte aos efectos da covid-19.

A través desta adxudicación, publicada na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achégalles un apoio extra ás empresas escénicas para contribuír ao seu mantemento económico neste período. Deste xeito, fomentaranse as residencias artísticas co obxectivo último de recuperar e reactivar espectáculos xa producidos, que viron afectada a súa temporada de exhibición polo actual contexto sanitario.

Préstaselle, ademais, unha especial atención ao ámbito da danza, para o que se reservaron especificamente 100.000 euros, que se distribúen entre os proxectos de 12 compañías: Nelson Quinteiro, La Macana, SIL Producciones Arte en Movimiento, Pisando Ovos, Experimentadanza, Javier Martín, Licenciada Sotelo, Paula Quintas, Cía. Kirenia Danza, Incendiaria, Cris Vilariño e Colectivo Glovo.

Outros 100.000 destínanse a apoiar os programas de residencias de catro salas privadas de exhibición escénica (Teatro Ensalle e Ártika de Vigo e Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña), mentres que os 300.000 euros restantes contribuirán á reactivacións das propostas presentadas por 26 compañías profesionais galegas de teatro, novo circo e maxia.

Esta liña de subvención en réxime de concorrencia competitiva eleva a máis de 1,5 millóns de euros o investimento extraordinario no ámbito das artes escénicas canalizado a través das novas iniciativas do Plan de reactivación do sector cultural, entre as que tamén se atopan o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 ou a versión ampliada de Cultura no Camiño.

Ao tempo e co mesmo fin de contribuír á recuperación da actividade no sector, flexibilizáronse e adaptáronse as habituais convocatorias de axudas á creación escénica, festivais, salas e distribución, así como as programacións dos circuítos de espectáculos promovidos pola Xunta.

Imaxes relacionadas