A Xunta presenta o plan de xestión fronte ao risco de inundacións no río Lagares, en Vigo, que prevé actuacións por importe de 6,8 millóns de euros

O Goberno galego trasladoulle xa ao Concello a proposta de colaboración pola que Augas de Galicia executará e financiará as obras e o municipio deberá xestionar a dispoñibilidade dos terreos

O plan recolle 6 obras, baseadas en infraestruturas verdes, para mellorar o espazo fluvial do Lagares no cruce da avenida Severino Cobas, no polígono do Caramuxo e na avenida de Madrid; na Rega do Folón no cruce coa estrada Camposancos; e a creación de áreas de inundación controladas en Sárdoma e en Lavadores

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

A Xunta presentou hoxe o Plan de xestión fronte ao risco de inundacións no río Lagares, en Vigo, que prevé a realización de obras por importe de 6,8 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a xefa do Servizo de Planificación e Programación Hidrolóxica de Augas de Galicia, Belén Quinteiro, detallou hoxe en rolda de prensa as medidas paliativas e preventivas para minimizar o risco de enchentes nesta contorna.

Vázquez Mourelle explicou que o plan recolle 6 intervencións, baseadas en infraestruturas verdes, cuxos anteproxectos están redactados por parte de Augas de Galicia, de xeito coordinado cos técnicos municipais e de Protección Civil do Concello de Vigo.

En concreto, as actuacións planificadas son a mellora do espazo fluvial e da drenaxe do río no cruce coa avenida Severino Cobas, na Rega do Folón no cruce coa estrada Camposancos e na Avenida de Madrid; á optimización do espazo fluvial ao seu paso polo polígono do Caramuxo; e ás áreas de inundación controladas, en Sárdoma e en Lavadores.

Puntualizou que se propón executar nunha primeira fase 5 destas obras, pospoñendo a actuación de Lavadores á avaliación do funcionamento da área de inundación de Sárdoma.

O Goberno galego xa lle trasladou ao Concello de Vigo o plan e a proposta de colaboración coa que Augas de Galicia asumirá a execución e financiamento das obras e ao municipio lle corresponde a xestión dos terreos necesarios.

Unha vez asinado ese protocolo de colaboración, a Xunta avanzará na redacción dos proxectos construtivos para poder executar as obras. Coa fin de axilizar os prazos, valorarase a posibilidade de licitar conxuntamente proxecto e obra.

Ethel Vázquez sumou a estas medidas outras accións de prevención, cun custo estimado de 48.500 euros. Neste caso, Augas de Galicia encargarase da inclusión dun novo punto de predición do sistema de alerta temperá na conca do Lagares e a instalación de dúas estacións de aforo, mentres o Concello debe prever no futuro PXOM a zonificación de inundabilidade nesta contorna.

Tamén engadiu traballos de conservación da canle contemplados no plan, cun orzamento de 27.500 euros anuais, que será asumido pola Xunta en treitos interurbanos do río e polo municipio no caso dos treitos urbanos.

Salientou que as intervencións buscan garantir o normal funcionamento do río, eliminar estreitamentos derivados de obras de fábrica e constriximento da canle; e recuperar a función natural dos meandros, xerando zonas de inundación controladas para dispoñer dun espazo que acumule a auga durante a enchente sen causar danos.

Fixo fincapé no obxectivo de estar mellor preparados para o escenario do cambio climático e poder contar coas medidas para reducir o risco de inundacións do río Lagares e as súas consecuencias para a saúde, o medio ambiente ou a economía.

Neste sentido, a Xunta vén traballando na actualización dos mapas de risco de inundación da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. No marco desta anticipación, estanse a desenvolver plans específicos para as 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco por inundación, entre elas esta do río Lagares.

Imaxes relacionadas