Medio Ambiente salienta as distintas actuacións en materia de rehabilitación en Ribadavia como exemplo do compromiso coa recuperación edificatoria

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que as dúas Áreas de Rehabilitación Integral do municipio -ARI do Conxunto Histórico e do Casco Antigo de San Cristovo- recibirá case 160.000 euros en axudas á rehabilitación da convocatoria de 2020

Ángeles Vázquez recorda que a semana pasada asináronse os convenios de colaboración cos 17 concellos que recibirán 2,6 millóns de euros para a execución de 400 actuacións en 25 ARIs

Lembra que Ribadavia tamén se beneficiou do Programa de adquisición de compra pública Rexurbe, polo que antes de que remate o ano o IGVS fará publica a adquisición dos inmobles presentados nesta segunda convocatoria
 

Ribadavia (Ourense), 3 de novembro de 2020

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá as distintas actuacións en materia de rehabilitación que se executan no Concello de Ribadavia como exemplo do compromiso coa recuperación edificatoria e a conservación patrimonial dos municipios galegos.

A conselleira de Medio Ambiente visitou esta mañá as actuacións que se están a levar cabo nas dúas Área de Rehabilitación Integral de Ribadavia declaradas no concello e que ao abeiro da actual convocatoria -a de 2020- se beneficiará de axudas por un importe de case 160.000 euros, para levar a cabo actuacións en materia de rehabilitación na ARI do Conxunto Histórico e do Casco Antigo de San Cristovo, e aos que hai que engadir os máis de 530.000 euros que lle foron adxudicados en convocatorias de ano anteriores.

Explicou que a través deste programa, que no conxunto de Galicia mobilizará 2,6 millóns de euros para 25 ARI en 17 concellos, os cidadáns reciben axudas para a rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas que se atopan dentro da Área de Rehabilitación Integral; mentres que os concellos tamén reciben axudas para actuacións de urbanización e reurbanización no ámbito desas ARI.

Outro dos programas de rehabilitación impulsado pola Xunta é o Programa Rexurbe, do que tamén se beneficiou en dúas ocasións o Concello de Ribadavia, e que consiste nunha oferta pública para a adquisición de inmobles. Na primeira convocatoria, a do ano 2019, se adquiriu un inmoble emprazado no número 16 da rúa Cervantes, por un importe de case 40.000 euros. A segunda foi neste mesmo ano e o Instituto Galego de Vivenda e Solo está solicitar a corrección da documentación para poder valorar as catro ofertas presentadas e seleccionar a máis equilibrada. A previsión do IGVS é adxudicar antes de que remate este ano.

Por último, recordou que Ribadavia -xunto con Mondoñedo e A Coruña- é un dos concellos que contan cunha Área Rexurbe declarada, unha figura creada tras a aprobación da Lei de Rehabilitación de Galicia.

Esta área inclúe o ámbito do Conxunto Histórico de Ribadavia cunha superficie de 0,108 km2 e comprende 459 edificios cun total de 709 vivendas e agora, o Concello debe traballar no plan de dinamización, que recolla as medidas a adoptar e o seu financiamento.

Segundo manifestou a conselleira, cada día os galegos son máis conscientes da necesidade de preservar o que xa está construído, sen por iso desatender as novas necesidades dos cidadáns. Nese sentido, recoñeceu que é un camiño no que as administracións non están soas, senón que a implicación da sociedade galega, cada vez máis concienciada con protexer o patrimonio e con apostar pola súa recuperación, é fundamental.

A conselleira de Medio Ambiente reiterou que a rehabilitación é unha das grandes apostas do actual Goberno, pois a través da rexeneración urbana, a recuperación do construído e a revitalización das cidades, pobos e aldeas, ademais de preservar a identidade de Galicia, séntanse as bases para facer de Galicia unha rexións máis atractiva para vivir, traballar e visitar.

Imaxes relacionadas