A Xunta celebra mañá en Monforte de Lemos un curso sobre iniciación e mellora das gandarías de ovino e cabrún

Terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal, dependente da Consellería do Medio Rural

A acción intégrase no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebra mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos un curso sobre iniciación e mellora das gandarías de ovino e cabrún. O curso terá en horario de mañá e tarde.

A acción, que está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, contará cunha duración de 10 horas. En concreto, o curso proporcionará unha formación en aspectos básicos das gandarías de ovino e cabrún, así como nas instalacións e sistemas de manexo da alimentación. Tamén se tratará a protección fronte a fauna salvaxe e a iniciación ou transición a gandarías ecolóxicas. Do mesmo xeito, abordarase a xestión técnico-económica para reforzar a estratexia das explotacións, analizando os sistemas de comercialización da produción.

O principal obxectivo do Plan de formación ao agro galego é impulsar o desenvolvemento das actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír á implementación dos coñecementos dos agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Así, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agropecuario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Para iso, abórdanse temáticas relacionadas coa reordenación das producións, o emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e a protección do medio.

Con esta formación promóvese que o sector agropecuario e silvícola utilice dun xeito eficiente os recursos, co fin de que sexan economicamente viables, produtivos e competitivos. Tamén se busca que as granxas sexan respectuosas co medio ambiente e resistentes ao cambio climático, traballando con sistemas de produción que vaian en harmonía cos recursos naturais.
 

Imaxes relacionadas