A Xunta apoia a 69 comercios lucenses para que avancen na innovación e a dixitalización con axudas por 434.000 euros

O delegado territorial, Javier Arias, sinala que este programa impulsa 75 accións de modernización, especialmente para incrementar a presenza online dos establecementos locais

Lugo, 2 de novembro de 2020

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de aprobar achegas para 64 comerciantes e 5 artesáns lucenses por importe global de 434.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sinalou que os apoios supoñen o 61% do investimento mobilizado para desenvolver en total 75 accións de impulso á innovación, a dixitalización e a modernización dos establecementos.

Este programa promove axudas por distintos conceptos, compatibles entre si. Na provincia de Lugo, a maior demanda rexistrouse no apartado de dixitalización, para facilitar a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores. Así, ao abeiro desta convocatoria 52 comercios da provincia melloran os servizos que prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión.

Tamén se conceden a través desta orde achegas para a modernización e adaptación de locais comerciais (10 na provincia de Lugo); a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final (12) ou a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos (1).

O delegado subliñou que a Xunta apoia “ao comercio de proximidade e aos artesáns, que nas circunstancias actuais están a realizar un gran esforzo por ser competitivos, apostando por modernizarse e incrementar a súa presenza online”.