A Xunta apoia a máis de 500 comercios galegos para que avancen na innovación e a dixitalización con axudas por preto de 4 M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana os beneficiarios deste programa co que se mobilizarán máis de 6 M€ no comercio de proximidade e o sector artesán

Apóianse máis de 1000 iniciativas no ámbito da dixitalización, e tamén se impulsa a modernización integral dos locais, a adquisición de equipamentos e iniciativas de expansión comercial

Santiago de Compostela, 1 de novembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución das axudas por preto de 4 millóns de euros coas que 523 comercios e artesáns mobilizarán máis de 6 millóns de euros no impulso á innovación, a dixitalización e as novas fórmulas de comercialización.

A través deste programa impúlsase a adaptación ao actual contexto económico e aos novos hábitos dos consumidores, apoiando o comercio de proximidade para que mellore e incremente os servizos que se prestan á clientela a través de diferentes canles, con axudas para páxinas web comerciais, ferramentas de márketing 4.0, mellora da imaxe dixital, xestión de redes sociais e implantación de ferramentas de xestión.

Tamén se conceden a través desta orde axudas para a modernización e adaptación de locais comerciais; a expansión comercial, coa apertura de novos establecementos; novas fórmulas de comercialización e a adquisición de equipamento ou ferramentas que melloren o produto final.

Así, en concreto, apóianse máis de 1000 iniciativas de dixitalización comercial, que desenvolven 444 comerciantes e artesáns; 71 proxectos de modernización integral dos locais; 67 de adquisición de equipamentos; así como 18 proxectos de expansión comercial e 5 proxectos pop up.

Imaxes relacionadas