A Xunta e o Concello de Baralla estudan a posibilidade de poñer en marcha algún instrumento de mobilización de terras neste municipio lugués

O conselleiro, José González, mantivo unha xuntanza co alcalde, Miguel González, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos seus veciños en relación co agro

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza telemática co alcalde de Baralla, Miguel González, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste concello lugués relacionadas co agro. Así, entre os temas tratados, destacou a posibilidade de crear unha aldea modelo ou un polígono agroforesal neste municipio e así poñer de exemplo de prevención e de desenvolvemento económico a un núcleo deste concello.

Durante a reunión, tanto o conselleiro como a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, que tamén estivo presente no encontro, explicaron en que consiste esta iniciativa que ten como principal obxectivo defender as persoas e os bens dos incendios forestais mediante diversas actuacións enfocadas á posta en marcha de actividade agrogandeira na franxa máis próxima ás vivendas.

Neste senso, o alcalde mostrouse moi interesado e comprometeuse a analizar a situación actual dos núcleo que conforman o seu municipio para comprobar que se axusta ás características deste tipo de proxectos de recuperación. Neste senso, sinalou que a orientación produtiva, ben nos terreos da aldea modelo ou do polígono, estarían orientados á produción de castiñeiros de froito.

Pola súa banda, o titular de Medio Rural agradeceu a súa disposición para traballar todos xuntos na protección do rural e incidiu en que, a través desta figura, ademais de executar a limpeza das chamadas franxas secundarias é determinante poñelas a producir para que actúen como devasa natural fronte aos lumes forestais. Así mesmo, trasladoulle que técnicos da Agader desprazaranse ao seu concello para analizar as posibilidades que ofrece o seu municipio.

Imaxes relacionadas