Medio Ambiente financiará con 236.000 euros a reforma das instalacións do campo de fútbol municipal de Catoira

A conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Alberto García acaban de asinar o convenio en virtude do cal o departamento autonómico achegará esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación dirixido a entidades locais de menos de 50.000 habitantes

Con cargo a este préstamo sen xuros, o Concello de Catoira ten previsto acometer unha renovación integral das instalacións do campo As Lombas

Desde a posta en marcha do fondo, no ano 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns de euros en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de concellos
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 236.143,6 euros ao Concello de Catoira (Pontevedra) co fin de financiar a obra de reforma das instalacións do campo de fútbol municipal das Lombas.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e o alcalde Alberto García veñen de asinar telematicamente un convenio de colaboración que lle dará acceso a este municipio pontevedrés ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar aos concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello de Catoira dispoñer dun total de 236.143,6 euros para financiar esta actuación, unha contía que poderá devolver ao IGVS nun máximo de oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

As obras a executar, en concreto, centraranse no terreo de xogo, substituíndo o céspede existente por outro novo artificial; tamén se intervirá nas bancadas, cambiando a cuberta actual, renovando as varandas en mal estado e repoñendo os asentos danados; e por último reformaranse os vestiarios, acondicionándoos e suprimindo barreiras arquitectónicas.

Novas solicitudes de financiamento por 2,2 millóns

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e co obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes abriuse o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluída a actuación para acometer a reforma integral do campo de fútbol de Catoira.