A Xunta inicia a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada LU-232, que comunica Lugo e Friol

Continúan na provincia de Lugo as tarefas na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo, e na autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio coruñés das Pontes

Proseguirán os traballos en distintas vías autonómicas das zonas de Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana e na estrada OU-622, no Barco

Nas estradas da provincia de Pontevedra seguirán as actuación en distintas vías das zonas de Vigo e Baixo Miño e na vía de alta capacidade C.G.- 4.2, en Tomiño e A Guarda
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2020

A Xunta comezará a vindeira semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada LU-232, que comunica Lugo e Friol.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

En paralelo, na provincia de Lugo, seguirán as tarefas en marcha na vía de alta capacidade CG-2.2, en Lugo e no Corgo. Nas estradas da provincia da Coruña, continúan tamén os traballos de roza e limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo municipio das Pontes.

A vindeira semana tamén continuarán os traballos en distintas vías autonómicas das zonas de Caldelas, Trives, Valdeorras e Viana e na estrada OU-622, no Barco.

Na provincia de Pontevedra, continuarán as tarefas de limpeza nas marxes en distintas vías autonómicas das zonas de Vigo e Baixo Miño e na vía de alta capacidade C.G. - 4.2, Tomiño e A Guarda.

Tamén seguen as actuacións na vía de alta capacidade PO-010, que une a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co Polígono industrial de Balaídos. Con estas tarefas de limpeza estase a responder á solicitude dos veciños no ámbito da actuación.

As intervencións que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

As actuacións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.
 

Imaxes relacionadas