O presidente da Xunta visitou este mediodía a aula Ponte Internacional do Colexio Rural Agrupado (CRA) Mestra Clara Torres

Feijóo destaca os Colexios Rurais Agrupados como exemplo do compromiso cunha educación de calidade, plurilingüe e coas novas tecnoloxías como ferramenta imprescindible na aprendizaxe

Resalta e agradece o esforzo adicional do conxunto da comunidade educativa -docentes, equipos directivos, alumnos e familias- para facer fronte á pandemia

Salienta os últimos resultados do informe PISA da OCDE, que confirman que o alumnado galego non só sobresae en matemáticas, ciencias e lectura, senón tamén en valores vitais como o respecto polas persoas doutras culturas ou a igualdade
 

Tui (Pontevedra), 30 de outubro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe as Escolas de Educación Infantil e os Colexios Rurais Agrupados (CRA) como exemplo do compromiso cun sistema educativo galego de calidade, plurilingüe e coas novas tecnoloxías como ferramenta imprescindible na formación e na aprendizaxe.

Nesta liña, referiuse ao CRA Mestra Clara Torres de Tui, que acaba de recibir o Premio Fundación Princesa de Girona como mellor escola de España, como unha proba máis da aposta dos centros do rural polo desenvolvemento do talento e a innovación educativa en favor dunha sociedade máis xusta. Tamén aproveitou para lembrar a figura de Clara Torres que dá nome a este centro, foi a primeira muller mestra de Areas e ademais fundou o primeiro CRA de Galicia.

Ademais de ser un centro plurilingüe, este colexio destaca por que a biblioteca escolar xoga tamén un papel fundamental como espazo de aprendizaxe e de creación. Non en van, participa en case todos os proxectos impulsados ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe), entre os que destacan: o proxecto Radio na Biblio; o programa Biblioteca Solidaria, dirixido a promover as bibliotecas inclusivas, que axuden a paliar as desigualdades no acceso ao coñecemento; ou a iniciativa Biblioteca Creativa, que busca estimular a iniciación do alumnado de infantil e primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación.

Ao longo da súa intervención, Feijóo puxo en valor o papel dinamizador e de cohesión do territorio que exercen as Escolas de Educación Infantil e os CRA. Así, os colexios rurais agrupados xurdiron coa idea de superar o illamento dalgunhas escolas unitarias e, no actual curso 2020-2021, a Comunidade conta cun total de 26 CRA: 12 na provincia da Coruña, 12 na provincia de Pontevedra e 2 en Ourense, que educan a 1.900 nenos de infantil e a 300 de primaria.

O presidente da Xunta aproveitou a súa visita á aula Ponte Internacional do centro para resaltar e agradecer o esforzo adicional do conxunto da comunidade educativa -docentes, equipos directivos, alumnos e familias- para facer fronte á pandemia.

Un esforzo que se suma ás medidas postas en marcha neste eido pola Administración autonómica, como: o reforzo do profesorado, con 2.300 profesores máis neste curso; e o reforzo dos recursos -162 millóns de euros-; a elaboración dun Plan de continxencia do ensino semipresencial e non presencial; ou a blindaxe das axudas ás anpas para o servizo de comedor escolar.

Novo informe PISA

Por último, Feijóo puxo de relevancia os resultados do informe PISA que vén de facer públicos a OCDE e que, por primeira vez, analizan a preparación dos nenos non só en competencias como matemáticas, ciencias ou lectura, onde Galicia é líder, senón tamén en valores transversais igualmente importantes para o desenvolvemento persoal e profesional, como son o respecto polas persoas doutras culturas ou a igualdade.

A nosa Comunidade obtén unha puntuación de 520 puntos, situándose por riba da media de España (512) e dos países da OCDE (499). Así, Galicia está nos postos de cabeza en cuestións como o respecto por persoas doutras culturas, en actitudes máis positivas cos inmigrantes e no coñecemento e información sobre igualdade.

Imaxes relacionadas