Xunta e Renfe Viajeros homenaxean a Carvalho Calero nos trens de alta velocidade e nas estacións de sete localidades galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe esta iniciativa que levará a imaxe institucional aos repousacabezas de 13 convois

As mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade exporanse en sete estacións
 

A Coruña, 30 de outubro de 2020.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe na Coruña a campaña posta en marcha pola Xunta de Galicia e Renfe Viajeros para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no marco da Semana das Letras Galegas que este ano, de xeito excepcional, se está a celebrar en outubro. Así, a través desta iniciativa os repousacabezas de 13 trens de alta velocidade do corredor atlántico A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e do corredor Avant A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense lucirán a imaxe da campaña institucional durante un mes.

Ademais, o autor ferrolán terá presenza nas estacións de tren de sete localidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e Monforte de Lemos) a través da exhibición das mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello de Ferrol.

Durante o acto de presentación, o titular de Política Lingüística destacou que a colaboración con Renfe Viajeros no marco da programación institucional das Letras Galegas renóvase por terceira vez “para facer extensivo o tributo a Carvalho Calero e visibilizar e dinamizar a lingua galega tanto desde o sector da importante rede de transportes como das persoas usuarias”.

Canda el participaron na presentación Enrique Fonte e Alberto Martínez, xerente do Servizo Público de Renfe e xefe da Área Comercial da Xerencia de Servizo Público Galicia, respectivamente.

Imaxes relacionadas