A Xunta pon de relevo os obradoiros de emprego dual por potenciar a empregabilidade mediante a formación e práctica real

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe os traballos que desenvolven os alumnos do obradoiro Creas II na contorna da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela

Vinte beneficiarios participan no obradoiro dual que acomete a rexeneración do Monte Viso e a elaboración das web do parque forestal do municipio

En 2019 a Xunta promoveu 57 obradoiros duais de emprego por toda Galicia

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2020

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, visitou hoxe os traballos que un total de 20 alumnos do obradoiro dual Creas II están a desenvolver no Monte Viso e en Pedra Castro, na contorna da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Lado destacou a relevancia que para a Xunta teñen estes programas, que permiten alternar a formación para o emprego coa práctica laboral para contribuír á inserción laboral das persoas desempregadas.

Un total de vinte alumnos participan neste programa de formación para o emprego que traballa na rexeneración do Monte Viso, nas melloras silvícolas en Pedra Castro e na elaboración e mantemento das páxinas web do parque forestal deste municipio e no que a Xunta investiu máis de 483.000 euros.

En concreto, trátase de adecuar este monte da cidade para usos recreativos, rexenerar a zona con vexetación autóctona e recuperar a cuberta arbórea da contorna. Tamén se acometen actuacións para mellorar a conectividade da senda peonil para maior desfrute da veciñanza de Santiago de Compostela.

No seu percorrido, a directora xeral, acompañada polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, coñeceu de primeira man as actuacións que se están a desenvolver no marco do obradoiro dual Creas II. Lado destacou ante os alumnos o importante papel destes obradoiros para a inserción laboral das persoas desempregadas ao alternar “a formación para o emprego coa práctica laboral real”.

Actuacións para a empregabilidade

En 2019 a Xunta promoveu 57 obradoiros duais de emprego por toda a comunidade, favorecendo a empregabilidade de persoas e acometendo intervencións de recuperación de patrimonio histórico, oficios artesanais, enerxías renovables, conservación de rutas do Camiño de Santiago e vixilancia e limpeza de montes para contribuír á prevención de incendios.

O obxectivo de todos eles, tal e como apuntou Zeltia Lado, é incentivar actividades que permitan aos participantes “a inserción a través da profesionalización e da adquisición de experiencia”.