Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos incorpóranse á colección do CGAC

A Xunta é única institución pública que promoveu unha acción de compra extraordinaria de obra artística destas características en apoio a artistas e galerías

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer hoxe as pezas adquiridas, que pasarán a formar parte dos fondos do centro de arte
 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

Un total de 24 obras de arte contemporánea de 20 artistas galegos vanse incorporar á colección do CGAC-Xacobeo, polo que se enriquecen e complementan os fondos do centro. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou esta mañá as creacións que resultaron seleccionadas ao abeiro do programa de adquisición pública de obra de arte incluída no Plan de Reactivación do sector cultural da Xunta de Galicia.

Trátase dun total de 24 obras (algunhas delas compostas por varias pezas) pertencentes a 20 artistas seleccionadas pola comisión de expertos creada a tal fin entre unhas 350 propostas artísticas presentadas pertencentes a uns 190 artistas. Cómpre lembrar que este programa de adquisición pública de obra de arte −dotado con 200.000 euros− púxose en marcha o pasado mes de xullo para que os artistas e as galerías de arte presentaran as súas solicitudes.

Segundo explicou Anxo M. Lorenzo, na selección de pezas priorizouse a pertinencia das obras e artistas na colección CGAC e un equilibrio de xénero entre as propostas de galerías e autores sen representación. As obras escollidas responden a criterios valorativos diversos, entre eles a calidade das obras, a súa representatividade na traxectoria artística do elixido ou que poidan inserirse no relato artístico da colección do CGAC.

Obras seleccionadas

As obras seleccionadas que pasan a formar parte da colección CGAC pódense consultar directamente na páxina Web do CGAC, no seguinte enlace: http://cgac.xunta.gal/GL/contido/CONVOCATORIAS.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou que a finalidade desta convocatoria que agora se resolve é contribuír ao apoio ao sector artístico, un dos sectores culturais afectados pola crise derivada da pandemia, ao tempo que favorecer o enriquecemento do patrimonio público e apoiar a actividade das artes plásticas e dos creadores. Con este cometido, a Xunta de Galicia impulsou o Plan de reactivación dos sector cultural, unha folla de ruta creada con fin de manter o tecido das industrias culturais, con medidas de reacción desde a administración.

Ademais, estas adquisicións de carácter extraordinario están enmarcadas no Xacobeo 2021, potenciando a capacidade desta celebración de transformar, innovar e enriquecer Galicia. Así, fortalécese o vínculo entre o CGAC e o Xacobeo, poñendo o foco sobre a arte galega cunha continuidade no tempo que o proxecta cara os futuros anos santos, ao tempo que se integra a artistas galegos que ou ben non estaban presentes ou non suficientemente representados.
 

Imaxes relacionadas