A Xunta investiu nas rutas xacobeas da provincia de Pontevedra máis de 5,4 millóns de euros na última anualidade

A directora de Turismo de Galicia fixo balance das últimas actuacións levadas adiante pola Xunta no marco dos distintos plans do Camiño de Santiago

Os traballos permitiron acometer actuacións en 23 concellos da provincia en materia de acondicionamento, sinalización, conservación, mellora das infraestruturas de acollida ou embelecemento do Camiño

Nava Castro anunciou a presentación da reformulación do Xacobeo2021 para o mes de novembro

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o firme compromiso da Xunta coa ruta xacobea na provincia de Pontevedra, e fíxoo durante a súa participación na primeira Mesa do Camiño da provincia celebrada este ano e que tivo lugar hoxe de xeito telemático. Castro fixo balance das últimas actuacións da Xunta no marco dos plans de acondicionamento, sinalización e conservación dos itinerarios; para a mellora da acollida dos peregrinos na rede de albergues públicos e no plan de embelecemento e posta e valor do patrimonio do Camiño de Santiago.

Unhas actuacións que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 5,4 millóns de euros en obras executadas entre 2019 e 2020 nas distintas rutas xacobeas que atravesan a provincia. “Traballos que permitiron actuar en 23 concellos da provincia”, explicou Nava Castro, quen destacou o acondicionamento e sinalización do Camiño Portugués interior e pola Costa, por importe de case 1,8 millóns de euros, o acondicionamento do albergue de Pontevedra, cun custo de case 200 mil euros ou o novo albergue de Vigo, “que estará en funcionamento en xaneiro do próximo ano tras un investimento de 1,8 millóns de euros”.

Finalmente neste capítulo, a directora de Turismo de Galicia tamén destacou o inminente comezo dos traballos no Camiño do Inverno que suporá un investimento de 450.000 euros na comarca do Deza.

Reformulación do Xacobeo2021

Ademais de repasar as actuacións que a Xunta levou adiante en Pontevedra a través do Plan de Mantemento e o Plan de Embelecemento e as iniciativas aprobadas no eido cultural no marco da segunda convocatoria do programa O Teu Xacobeo, o encontro de traballo tamén serviu para trasladarlle aos participantes na mesa as grandes posibilidades que abre a próxima extensión da rede cicloturista Eurovelo na provincia, que permitirán contar cun novo itinerario pola costa no que convivirán peregrinos e ciclistas.

Finalmente Nava Castro tamén anunciou na Mesa a próxima presentación no mes de novembro da reformulación do Xacobeo2021, “un traballo vivo no que estamos inmersos e que retoma a esencia mesma do Camiño”, explicou.

Unha reformulación que vén marcada polas actuais condicións sanitarias e por unha aposta “pola recuperación da esencia do camiño, dos espazos abertos e do talento local co obxectivo de celebrar un Ano Santo aberto, descentralizado e diversificado en todo o territorio”.

Imaxes relacionadas