A Xunta pon en servizo o aparcadoiro de Altiboia, na zona dos Concheiros, en Santiago

O remate da obra de explanación da parcela, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, permite anticipar a dispoñibilidade de 120 prazas de aparcamento para os veciños

Os traballos enmárcanse nas acondicionamento do cruce das rúas dos Concheiros, avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri que a Xunta está a executar para mellorar o acceso do Camiño Francés á cidade

Esta intervención forma parte do proxecto mellora da integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Compostela que está a acometer a Xunta cun investimento de 10 millóns de euros

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

A Xunta vén de poñer esta mañá en servizo o aparcadoiro provisional de Altiboia, na zona dos Concheiros, en Santiago.

A intervención para habilitar este espazo, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, centrouse na explanación da parcela. Os traballos consistiron na nivelación da superficie da parte alta da parcela e no estendido dunha capa de zahorra e a súa compactación.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén anticipar a dispoñibilidade dun espazo de aparcamento, cun total de 120 prazas, para os veciños da contorna. O Concello de Santiago ten prevista a licitación da obra de urbanización deste aparcadoiro para a súa configuración definitiva.

Ao tempo, séguese a avanzar na execución das obras que está a executar no cruce das rúas dos Concheiros, avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri.

Estas obras están enmarcadas no proxecto mellora da integración paisaxística das entradas dos camiños de Santiago en Compostela que está a acometer a Xunta, cun investimento de 10 millóns de euros.

Imaxes relacionadas