A Xunta salienta a contribución do emprendemento galego ao avance industrial e a creación de emprego na automoción

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na xornada de avaliación dos 13 proxectos que optan a ser impulsados pola High Tech Auto

As iniciativas presentadas abarcan o deseño de produtos, o desenvolvemento de solucións específicas para vehículos conectados e novas formas de comercialización, entre outras propostas

A incubadora está promovida polo Goberno galego e Zona Franca de Vigo para favorecer a transferencia de tecnoloxía entre os ámbitos académico e tecnolóxico e o tecido industrial e impulsar programas innovadores vinculados á Industria 4.0

Complementa a Business Factory Auto, que vén de pechar a convocatoria da quinta edición con récord de proxectos candidatos

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2020

O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu esta mañá mediante videoconferencia ao Start Up Day da High Tech Auto (HTA), unha xornada de avaliación, realizada en formato dixital, dos 13 proxectos que optan a ser impulsados por esta incubadora promovida pola Xunta e Zona Franca de Vigo. Guldrís resaltou o potencial do emprendemento na automoción en Galicia, que destaca pola cantidade e calidade de iniciativas innovadoras que contribúen a fortalecer a competitividade e a creación de emprego nun sector estratéxico para a Comunidade.

O director do Igape salientou ademais que os proxectos que acadaron esta fase de avaliación, abarcan propostas variadas como o deseño de produtos, o desenvolvemento de solucións específicas para vehículos conectados ou novas formas de comercialización, entre outras. As iniciativas que sexan seleccionadas despois da avaliación realizada esta mañá, están na fase temperá de impulso, polo que se incorporarán ao programa de incubación, previo á etapa de aceleración e consolidación.

Na súa intervención, subliñou que a HTA permite completar o ecosistema de innovación do sector da automoción e compoñentes en Galicia, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras, así como favorecer a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial e avanzar cara a consolidación da Industria 4.0.

A HTA enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Deste xeito apoia, nas fases incipientes, proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.

Business Factory Auto

Este foco de emprendemento especializado no sector da automoción integra entre os seus obxectivos e metodoloxías de traballo procesos que permitan orientar as iniciativas incubadas cara á Business Factory Auto (BFAuto), tamén promovida polo Goberno galego. Ambas as dúas aceleradoras guiaranas de forma conxunta desde a fase semente ata que saian ao mercado e se consoliden.

A BFAuto vén de pechar a convocatoria da súa quinta edición con récord de proxectos presentados, 127, procedentes de 20 países diferentes. Esta business factory súmase ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta no eido da alimentación (BFFood), a aeronáutica (BFAero), ou a a biotecnoloxía (Bioincubatech). Ademais, intégrase na rede de aceleradoras StartIN Galicia, que apoia o empredemento en todo o territorio.

Imaxes relacionadas