'A noite en que todo cambiou. A vida con DCA' sae do prelo con motivo do día do dano cerebral adquirido

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade participaron hoxe na presentación deste libro que se publica co apoio da Xunta

Está escrito por Concha Otero, vicepresidenta da Asociación de Dano Cerebral Sarela
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

Con motivo da celebración do Día do Dano Cerebral Adquirido (26 de outubro), o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González, participaron hoxe ao serán na presentación do libro A noite en que todo cambiou. A vida con DCA, de Concha Otero, que publica Hércules Ediciones co apoio da Xunta de Galicia.

Valentín García salientou que este libro “vai ser de grande axuda para as persoas coidadoras de pacientes con dano cerebral adquirido, que se verán reflectidas na experiencia de Concha –relatada nestas páxinas con espontaneidade e cunha admirable sinceridade– e animadas por ela”.

Xunto cos representantes da Xunta de Galicia, interviñeron na presentación Concha Otero Sigüeiro, autora do libro e vicepresidenta da Asociación de Dano Cerebral Sarela; os alcaldes de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, e Blanca-Ana Roig Rechou, investigadora-colaboradora do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, impulsora do proxecto e unha das responsables da tradución ao galego.

Unha historia real en primeira persoa

A noite en que todo cambiou. A vida con DCA narra en primeira persoa a vivencia da familia de Concha Otero a partir do momento en que Juan Rendo, o home da autora, tivo un ictus que o converteu nunha persoa dependente, así como o papel da compostelá Asociación de Dano Cerebral Sarela na evolución tanto do paciente como das persoas coidadoras. A autora, Concha Otero (Vedra, 1967), técnica informática e vicepresidenta da Asociación Sarela, quixo compartir a súa experiencia desde as páxinas do libro presentado este serán para axudar outras persoas que se atopan na mesma situación pola que pasou a súa familia.

O Dano Cerebral Adquirido (DCA) é a lesión que se produce nas estruturas cerebrais de forma súbita en persoas que, aínda que naceron sen ningún tipo de dano, sofren unha lesión nun momento posterior da súa vida por mor dun ictus, un traumatismo cranioencefálico ou unha anoxia, entre outras causas. As secuelas do dano cerebral adquirido son diferentes e heteroxéneas (motoras, sensoriais, cognitivas, emocionais ou condutuais) e xeran distintos tipos e niveis de discapacidade.