Román Rodríguez agradece á USC o seu compromiso por contribuír a facer de Galicia líder en formación en valores

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou esta tarde na presentación da guía didáctica sobre balnearios dirixida ao alumnado escolar, que promove a Cátedra de Hidroloxía Médica do profesor Juan Gestal

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da guía didáctica Os balnearios de Galicia. Descobre as súas posibilidades para a saúde, unha publicación promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e dirixida a alumnado dos últimos cursos de Primaria e dos primeiros da ESO.

O conselleiro agradeceu á Universidade compostelá a súa “férrea aposta” por preparar ao alumnado das escolas e institutos para o seu futuro a través de iniciativas como esta guía didáctica “necesaria para a educación dos nenos galegos” ao axudarlles a concienciarse sobre o uso responsable da auga e as súas propiedades mineromedicinais. Neste sentido, valorou o traballo da Cátedra, dirixida polo profesor Juan Gestal, e o departamento de Pedagoxía e Didáctica, o esforzo por educar en valores transversais que contribúen “a seguir mantendo un bo sistema educativo que forma bos profesionais e tamén boas persoas”.

O conselleiro fixo estas declaracións referíndose aos últimos datos do informe PISA, que constatan que os alumnos galegos non só sobresaen en matemáticas, ciencias e lectura, senón tamén en valores como o respecto a outras culturas ou a igualdade.

“Ferramentas como esta guía permítennos seguir nesta liña e dar un paso máis nesa calidade e equidade na ensinanza pola que traballamos e que queremos manter máis que nunca durante este curso inédito, cheo de retos e desafíos que estamos superando grazas ao esforzo de toda a comunidade educativa”, salientou Román Rodríguez.
A guía didáctica está dividida en varios apartados en los que se combina texto, enlaces e códigos QR a través dos que se pode acceder a vídeos e materiais didácticos dixitais. Céntrase no estudo do ciclo da auga na natureza e a súa importancia na saúde, defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. Permite, ademais, diferenciar os balnearios e a hidroterapia, entre outras.

Imaxes relacionadas