A Xunta achega preto de 6 millóns de euros a máis de 600 beneficiarios das axudas para a prevención dos danos causados por incendios, desastres naturais e catástrofes

A través destas achegas contribúese a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os lumes forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes

A día de hoxe todas as actuacións xa están en marcha e moitos dos beneficiarios solicitaron o anticipo do 50% destas axudas

Abrirase un segundo prazo para que aqueles que non pediron o anticipo poidan facelo e cobrar esa cantidade antes de que remate o ano

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural das subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). A través desta orde, a Consellería achegará preto de 6 millóns de euros a un total de 631 beneficiarios entre os que hai titulares de montes veciñais en man común, agrupacións e mancomunidades e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Neste senso, cómpre aclarar que a Dirección Xeral de Defensa do Monte, departamento que xestiona estas achegas, notificoulle aos beneficiarios esta resolución xa no mes de setembro. Así, a día de hoxe todas as actuacións xa están en marcha e, ademais, moitos deles xa solicitaron o anticipo do 50% destas axudas. Así mesmo, abrirase un segundo prazo para que, aqueles que non pediron o anticipo, poidan facelo e cobrar esa cantidade antes de que remate o ano.

Se analizamos os datos por provincias, na da Coruña hai un total de 48 beneficiarios con case 360.000 euros de axuda, na de Lugo os beneficiarios son 133 cunha contía de 1,2 millóns de euros, en Ourense son 269 as solicitudes aprobadas por un valor de 2,8 millóns de euros e, finalmente, Pontevedra con 181 beneficiarios por unha axuda total de case 1,5 millóns de euros. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), contribúen a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establecéronse dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.

A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación. Así, as actuacións subvencionables consisten no control selectivo do combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais, coa finalidade de reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así á anticipación aos lumes. En total, nesta liña hai 493 beneficiarios que recibirán 4,3 millóns de euros. No caso da construción de puntos de auga, hai 138 expedientes aprobados aos que corresponde unha axuda de algo máis de 1,5 millóns de euros.

Imaxes relacionadas