A Xunta demanda ao Goberno central que defenda en Bruxelas o acordo pesqueiro ante o final das negociacións do Brexit

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta tarde por videoconferencia na 63ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE)

O Goberno galego pide incluír ás rexións prexudicadas pola concentración de máis buques nas súas zonas de traballo polo abandono de augas británicas no reparto da Reserva de Axuste do Brexit para compensar aos sectores afectados

Tamén solicita un real decreto de medidas transitorias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan manter as súas operacións en portos galegos

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe por videoconferencia na 63ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE), na que a Xunta solicitou ao Goberno central que defenda vincular o acordo de pesca ao de libre comercio nas negociacións do Brexit.

O Goberno galego considera que, tendo en conta que as posibilidades de que a saída de Reino Unido da Unión Europea remate sen acordo cun Brexit duro son cada vez maiores, o Executivo estatal debe defender en Bruxelas nesta parte final das negociacións o acordo pesqueiro acadado para garantir que os barcos da UE poidan faenar nos caladoiros británicos.

Deste xeito, a Xunta pide, ao igual que varios Estados membros, que o acordo comercial que permita a Reino Unido acceder ao mercado europeo vaia precedido deste acordo de pesca. A Administración autonómica busca así defender os intereses das 1.700 persoas que faenan nos 150 buques galegos en augas británicas.

O vicepresidente primeiro da Xunta tamén trasladou ao Executivo estatal que solicite que a Reserva de Axuste do Brexit, destinada a compensar aos sectores máis afectados, permita beneficiar tamén ás rexións prexudicadas pola concentración de máis buques nas súas zonas de traballo debido ao abandono de augas británicas e se inclúa este criterio, así como a influencia económica, e non só a proximidade xeográfica co Reino Unido.

Por outra parte, a Xunta reclamou a aprobación dun real decreto de medidas transitorias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan manter as súas operacións en portos galegos como Celeiro ou Burela. Tamén demandou crear novas unidades de Aduanas e Postos de Inspección Fronteiriza ou reforzar as existentes para non colapsar as descargas.

Participación das comunidades autónomas nos Consellos de Pesca da UE

No encontro de hoxe, Alfonso Rueda, trasladou ademais a proposta de Galicia para que debido ás restricións pola pandemia, que limitan a un máximo de catro postos por Estado membro nos Consellos da UE, un deles sexa ocupado por un representante autonómico con rango de conselleiro como así corresponde por lei.

Deste xeito, a Xunta reiterou a necesidade de participación das comunidades nos grupos de traballo e nas reunións do Consello da UE de Pesca e garantir a súa representatividade.

Imaxes relacionadas