O delegado territorial da Xunta en Ourense visita as obras da nova senda peonil en Albarellos, no concello de Monterrei

Esta actuación, cun investimento de máis de 180.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses

O itinerario desenvólvese na estrada autonómica OU-143, nun treito coincidente co trazado da Vía da Prata
 

Ourense, 27 de outubro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta tarde as obras da senda peonil en Albarellos, concello de Monterrei, que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade principiou o pasado 19 de agosto. Acompañado polo alcalde, José Luís Suárez, percorreron o treito de máis de trescentos metros no que comprobaron o estado avanzado da obras que está previsto que rematen a finais de febreiro do vindeiro ano. Ámbolos dous coincidiron que se trata dunha construción necesaria, que facilitará os desprazamentos cotiás dos veciños desta contorna dun xeito máis sustentable, cómodo e seguro.

Esta actuación, cun investimento de máis de 180.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses e o seu itinerario desenvólvese na estrada autonómica OU-143, cuxo trazado coincide co discorrer da Vía da Prata, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+460 e 1+800.

Trátase dunha senda a ambas dúas marxes da estrada, duns 340 metros de lonxitude, e un ancho mínimo de 1,9 metros. Executarase un pavimento de 15 centímetros cor gris natural, elevado 10 cm. sobre a calzada, que inclúe zonas rebaixadas para facilitar as entradas de vehículos.

Tamén se está a acometer dúas paradas de autobús e se instalará unha marquesiña, co obxectivo de mellorar as condicións de acceso ao transporte público.
 

Imaxes relacionadas