A Xunta inclúe a Cidade das TIC na proposta presentada ao Goberno para optar aos fondos europeos de reconstrución

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na que lle informou que de saír adiante esta solicitude a previsión sería mobilizar 55M€ no proxecto

O encontro forma parte da rolda de contactos coas principais institucións e axentes económicos e sociais para contar coa súa colaboración no deseño de iniciativas que encaixen nos fondos Next Generation da Unión Europea

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, na que lle trasladou que a Xunta de Galicia incluíu á Cidade das TIC na candidatura presentada ao Goberno de España para optar aos fondos europeos de reconstrución Next Generation.

Deste xeito, a Cidade das TIC é un dos 108 proxectos inicialmente seleccionados polo Goberno galego para acceder a estes fondos. De saír adiante esta proposta, a previsión é que a iniciativa chegue a mobilizar 55M€ para, desde a colaboración público-privado, construír un Polo TIC que albergue empresas, un campus tecnolóxico con cabida para un centro de I+D en novas tecnoloxías, unha incubadora de alta tecnoloxía centrada na intelixencia artificial e no big data, un centro demostrativo e de servizos avanzados, un centro de formación e difusión TIC, así como a sede dun nodo da Estratexia dixital galega 2030 e nacional de intelixencia artificial.

O vicepresidente económico trasladou ao reitor da UDC o compromiso da Xunta con esta iniciativa que pretende dar resposta ás demandas do tecido industrial galego, activar proxectos de I+D disruptivos vertebradores e atraer novos investimentos a Galicia. Neste sentido, dentro da convocatoria dos centros de fabricación avanzada, a Cidade das TIC recibiu un apoio de 4,82M€ para acondicionar unha das naves nas que se instalarán catro laboratorios e empresas do sector TIC.

Conde subliñou que a Cidade das TIC, enmarcada na candidatura de Galicia aos fondos europeos dentro do eixe destinado á modernización do tecido produtivo galego, encaixa cos criterios europeos e nacionais, xa que é o exemplo dunha iniciativa viable, ben definida e madura que contribuirá á transformación económica e social de Galicia.

O encontro forma parte da rolda de contactos do Goberno galego para contar coa colaboración das principais institucións e axentes socioeconómicos no deseño de iniciativas que encaixen e se adapten aos fondos de reconstrución europeos. Conde manifestou o interese da Xunta en que a UDC teña un papel activo neste importante proceso.

Imaxes relacionadas