A Xunta inicia a construción dunha senda peonil na estrada autonómica OU-540, en Santa Comba de Bande

Os traballos, cun investimento de máis de 35.000 euros, realízanse en ambas as dúas marxes da estrada, entre os puntos quilométricos 49+775 e 49+895

Trátase de mellorar o tránsito peonil coa renovación das beirarrúas existentes, dotándoas de anchura e pavimento adecuado á normativa de accesibilidade

Paralelamente, seguen a avanzar os traballos da senda que se está a executar na marxe esquerda desta vía autonómica no punto quilométrico 39+480, co obxectivo de telos rematados en vindeiras semanas
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de construción dunha senda na estrada OU-540, en Santa Comba de Bande.

Esta intervención foi adxudicada á empresa Opaga 003 S.L e conta cun investimento da Xunta superior aos 35.000 euros.

A actuación ten como obxectivo mellorar a accesibilidade e o tránsito peonil nas marxes desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 49+775 e 49+895.

Os traballos céntranse na renovación das beirarrúas existentes en ambas as marxes da vía autonómica, dotándoas de anchura e pavimento adecuado á normativa de accesibilidade vixente. Os traballos que están a executarse neste momento, comezaron pola demolición das beirarrúas na marxe dereita da vía.

As novas beirarrúas proxéctanse cunha anchura mínima de 3 metros aproveitando a franxa do dominio público da estrada. Mantense a anchura de beiravía existente e a posición do actual bordo.

Ao tempo, o departamento de Infraestruturas da Xunta segue a avanzar nos traballos iniciados a principios deste mes no punto quilométrico 39+480, para a construción dun muro de pedra duns 2 metros de altura sobre o que descansará unha senda peonil de 80 metros de lonxitude. O obxectivo é ter rematadas as obras en vindeiras semanas.

Con estas intervencións, a Xunta busca promover unha mobilidade sustentable e segura, favorecendo os desprazamentos cotiáns a pé dos veciños.

Imaxes relacionadas