A Xunta convoca os exames para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril

As probas realizaranse na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago, os días 11, 12 e 13 de novembro, cumprindo coas medidas de prevención fronte á covid-19

Os exames incluirán distintas modalidades, para todas as clases ou especializadas en explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas, entre outras

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles a estas empresas dispoñer de conselleiros coa formación e a avaliación correspondentes

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2020

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, que se realizarán os vindeiros 11, 12 e 13 de novembro.

Os exames levaranse a cabo na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.

No seguinte enlace ao DOG pódense consultar os horarios das probas, xa que se efectuarán por quendas e en xornadas distintas segundo o tipo de certificado a renovar ou obter: https://bit.ly/2HBrg7t

Os exames abranguerán distintas modalidades: para todas as clases ou especializadas en materias e obxectos explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, detalladas na resolución.

Cómpre lembrar que a Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.

Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.

Covid-19

Dadas as circunstancias especiais orixinadas por mor da covid-19, será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, tanto no exterior como no interior das instalacións.

Os aspirantes non poderán acceder ao edificio ata que un membro do tribunal comece o chamamento. Para evitar aglomeracións, solicítase que só se presenten a cada hora as persoas que vaian realizar a proba correspondente a ese horario.

Imaxes relacionadas