Feijóo demanda un sistema de reparto dos fondos europeos que combine a concorrencia competitiva, proxectos viables e de futuro e unha recuperación simétrica das rexións

Explica o traballo que está realizando Galicia, cunha proposta xa de 108 proxectos enviada ao Goberno central e que suporía unha mobilización de case 9.500 M€

Incide en que se poderían tomar medidas efectivas cunha Lei de Saúde Pública reformada: “Falar de estado de alarma ata maio e dun mal chamado toque de queda é demoledor para a confianza da economía e a reputación internacional de España”
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou hoxe un sistema de reparto dos fondos europeos baseado na transparencia e na obxectividade: que aposte por un proceso de concorrencia competitiva, sen arbitrariedade; por proxectos viables para economía do futuro e non curtopracistas; e que garanta unha recuperación simétrica das rexións, tendo en conta na distribución dos importes a renda per cápita, a porcentaxe de poboación que vive no rural, o reto demográfico e a transición industrial.

“Demandamos criterios transparentes e obxectivos: apostar por un proceso de concorrencia que permita seleccionar proxectos de acordo a estes criterios; aplicar os principios de subsidiariedade e goberno multinivel, a través da participación das comunidades na definición dos mesmos; e ter en conta a situación obxectiva de cada territorio e a súa necesidade de reformas estruturais, é dicir, criterios de discriminación cara aos proxectos implantados en territorios que teñen que afrontar fallos de mercado”, explicou máis polo miúdo.

Nesta liña, e durante a súa participación na Conferencia de Presidentes, o titular da Xunta explicou o traballo que está realizando Galicia, cunha proposta xa de 108 proxectos enviada ao Goberno central e que suporía unha mobilización de case 9.500 millóns de euros.

Así, nun primeiro termo fixo referencia aos proxectos tractores que a Comunidade empezou a definir no mes de abril, destacando o vinculado á produción de fibras téxtiles a través de madeira certificada; así como os relacionados cos residuos gandeiros e o impulso da economía circular.

“No referido á modernización do tecido produtivo enviamos o 30% dos proxectos, que supoñen un investimento de 4.700 millóns de euros; no eido da mobilidade sostible e a transición ecolóxica enviamos o 30% dos proxectos; para unha Galicia máis cohesionada, facendo especial fincapé no eido sanitario, destinamos o 25% dos proxectos, para mobilizar 1.377 millóns; e no que se refire á administración dinámica e dixital, solicitamos 614 millóns de euros para o desenvolvemento do 13% dos proxectos “, precisou, asegurando que Galicia seguirá traballando actualizando o listado de proxectos unha vez que se coñezan os criterios de reparto dos fondos.

“Ante un problema sanitario necesitamos unha resposta sanitaria”

No tocante á situación da pandemia, Feijóo aseverou que Galicia seguirá xestionando a pandemia cos mesmos criterios: coa transparencia dos datos e coa anticipación nas medidas asistenciais, seguindo as recomendacións do comité clínico. “Galicia vai seguir anticipándose, salvagardando aos cidadáns como prioridade fundamental de calquera decisión sanitaria”, dixo, incidindo en que non é de recibo utilizar mecanismos constitucionais excepcionais para xestionar un problema sanitario.

“Non entendemos por que afrontamos a nova ola sen unha lexislación sanitaria adaptada que podía evitar a declaración dun novo estado de alarma que ten un elevado custo reputacional para España. Ante un problema sanitario necesitamos unha resposta sanitaria”, recalcou, lembrando que o propio Goberno central recoñeceu no seu momento que era necesario buscar instrumentos alternativos, “polo que nos custa entender por que esa insistencia en utilizar estados de excepción para regular unha situación sanitaria que dura xa sete meses”.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que se poderían tomar medidas efectivas a través dunha Lei Orgánica de Saúde Pública reformada: “Falar de estado de alarma ata maio, falar dun mal chamado toque de queda é demoledor para a confianza da economía e para a reputación internacional de España. Pódese facer o mesmo cunha lexislación sanitaria, pero sen estes termos desgarradores”, concluíu.
 

Imaxes relacionadas