Conde apunta que os centros tecnolóxicos reforzarán o seu papel na transformación de Galicia a través dos fondos Next Generation e a futura lei de reactivación

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, mantivo esta semana unha xuntanza con representantes da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga)

O encontro forma parte da rolda de contactos cos principais axentes económicos e sociais para incorporar as súas suxestións á futura normativa coa que se busca consolidar a Comunidade como un bo lugar para investir
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro con representantes da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), no que puxo de relevo que os centros tecnolóxicos verán reforzado o seu papel na transformación de Galicia co novo pulo que suporán tanto os fondos europeos de reconstrución Next Generation como a futura lei de reactivación.

No encontro, no que participou Juan Manuel Vieites, presidente de Atiga e secretario xeral de Anfaco-Cecopesca; e os vicepresidentes da Alianza, Luis Moreno, director xeral do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), e Jesús Lago, xerente de Aimen, o vicepresidente económico sinalou que a colaboración cos centros tecnolóxicos é clave para impulsar a transferencia de resultados de investigación ao tecido empresarial e mellorar así a súa competitividade.

A xuntanza forma parte da rolda de contactos do Goberno galego para abordar cos principais axentes económicos e sociais o proxecto de Lei de reactivación da economía. Na reunión Conde sinalou que con esta normativa a Xunta busca consolidar a Comunidade como un bo lugar para investir, facilitando que se consoliden novos proxectos para crear riqueza e emprego na Comunidade.

A futura lei que se está a elaborar pivota sobre tres claves: a axilización administrativa, con puntos de atención ao investidor; a ampliación a máis supostos da posibilidade de declaración responsable ou comunicación previa; e a xeralización do silencio administrativo para a implantación de iniciativas, salvo disposición legal que especifique a necesidade de emitir unha resolución expresa, entre outros aspectos.

Atiga, constituída en 2012, é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa os sete centros tecnolóxicos galegos: Aimen, Anfaco-Cecopesca, Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Energylab, Gradiant e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
 

Imaxes relacionadas