A Xunta localiza as comunicacións de nacemento de Maruja Mallo e Ramón Villar Ponte nos arquivos dos xulgados de Viveiro

O descubrimento realizouse durante as tarefas de clasificación, ordenación e descrición do arquivo do xulgado de primeira instancia e instrución

Os documentos xa foron trasladados ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo para a súa conservación e posta a disposición da cidadanía

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2020

A Xunta vén de localizar as comunicacións de nacemento da pintora Maruja Mallo e do político e periodista galego Ramón Villar Ponte. O descubrimento realizouse durante as tarefas de clasificación, ordenación e descrición do arquivo do xulgado de primeira instancia e instrución de Viveiro. Os documentos xa foron trasladados ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo para a súa conservación e posta a disposición da cidadanía.

A comunicación ou manifestación de nacemento era un documento necesario para a inscrición no Rexistro Civil dos nenos e nenas que acababan de nacer. Estas inscricións, que inicialmente se facían nos concellos, pasaron a facerse nos xulgados a partir da Lei provisional de rexistro civil de 1870, que estivo vixente ata 1957.

Esta Lei establecía que debía presentarse ao neno ou nena ante o funcionario encargado do rexistro dentro dos tres días posteriores ao seu nacemento. Naqueles casos nos que houbese temor de dano para a saúde do neno ou outra causa, o texto sinalaba que sería o funcionario o que se trasladase para levar a cabo a inscrición.

Estaban obrigados a facer a presentación e declaración o pai, nai, parente máis próximo, facultativo ou parteira ou, no seu defecto, calquera persoa que o presenciase. De feito, este é o caso da declaración de nacemento de Maruja Mallo, que está asinada por un veciño da localidade.

Plan de expurgo

Os documentos foron localizados durante os traballos de organización do arquivo, enmarcados dentro do Plan de expurgo na Administración de Xustiza posto en marcha pola Xunta co obxectivo de desconxestionar as instalacións xudiciais e organizar a documentación de forma que quede catalogada e ordenada.

O plan da Xunta inclúe, ademais, a reorganización da documentación en caixas e a identificación de documentos anteriores a 1946 ou de interese histórico para o seu traslado aos correspondentes arquivos. Ao abeiro do Plan, tamén se foron habilitando espazos fóra dos edificios xudiciais para o traslado de expedientes.

Asemade, a catalogación permite a posterior xestión ante a Xunta de Expurgo Autonómica, a fin de que esta valore a conservación ou destrución dos expedientes arquivados definitivamente. Desde a posta en marcha deste plan, téñense trasladado ou eliminado máis dun millón de expedientes dos xulgados galegos e retiráronse máis de 100 toneladas de pezas de convicción.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou que estes traballos se realizan “co obxectivo, por unha banda, de desconxestionar as instalacións xudiciais e, pola outra, de organizar a documentación de forma que quede debidamente catalogada para unha mellor xestión do día a día”.

Durante estes traballos, moitas veces identifícase documentación “que posúe un valor histórico” -como é o caso dos documentos atopados en Viveiro- e que se transfire aos arquivos históricos, para a súa conservación e para poñela a disposición do público.

Imaxes relacionadas