Política Social encara a fase decisiva do programa Xuventude Crea 2020 coa celebración das finais nas distintas especialidades

A edición deste ano foi a de maior participación con 486 mozas e mozos inscritos

A modalidade de Teatro será a primeira en resolverse, cunha fase final que se desenvolverá a vindeira semana e á que chegaron seis grupos

Ademais de en Teatro, o certame premia as mellores creacións noutras trece disciplinas: Artes plásticas, Banda deseñada, Cociña, Creación de videoxogos, Danza moderna, Deseño de xoias, Fotografía, Graffiti, Moda, Música, Novela curta, Poesía e Videocreación
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia afronta a recta decisiva do programa para creadores noveis Xuventude Crea 2020, que na edición deste ano bateu récord de participantes con 486 mozas e mozos con idades comprendidas entre os 16 e os 30. A vindeira semana terá lugar a fase final de Teatro, unha das catorce especialidades do certame xunto con Artes plásticas —Escultura e Pintura—, Banda deseñada, Cociña, Danza moderna, Deseño de xoias, Poesía, Videocreación Fotografía, Graffiti, Moda, Música e as dúas novas disciplinas que incorpora este ano o programa: Novela curta e Creación de videoxogos.

Ao escenario do Salón Teatro da capital galega subiranse os días 26, 27 e 29 de outubro os seis grupos finalistas da especialidade desta arte escénica. Estes son: Molesto Teatro (Vigo), que representará a obra Déixanos entreterte; Lohengrin Teatro (Vigo), con Coa mirada nas súas mans; Farándula Velutina (Corcubión), con Animais de Compañía; Teatro do Ar (Nigrán), con Lume; Vai no dentista (Santiago de Compostela), coa peza Fóra de xogo; e Os Palimoquiños e cía. (Lugo), que porán en escena Os Miserables.

Así mesmo, xa están programadas as datas e lugares de celebración do resto das fases finais nas distintas modalidades do Xuventude Crea. Todas elas se dilucidarán ao longo do vindeiro mes de novembro, a falta de que se peche definitivamente cando e onde terá lugar a final da categoría de Creación de videoxogos.

Eventos na igrexa da Universidade

Así, as finais de Fotografía e Artes Plásticas desenvolveranse desde a primeira semana de novembro na Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Neste mesmo recinto exporanse, a partir de mediados de novembro e ata o día 8 de decembro, as coleccións das oito mozas e mozos deseñadores finalistas na categoría de Moda —que contou con 24 inscritos—. Estes noveis modistos compartirán espazo e datas cos seis finalistas na especialidade de Deseño de Xoias.

Tamén para o vindeiro mes de novembro están programadas as finais de Graffiti, Música, Danza Moderna e Cociña. A primeira en celebrarse será a final da modalidade de Graffiti no parque da Alameda compostelá o día 7 de novembro, coa participación de dez rapaces e rapazas. A continuación, o día 13, terá lugar a fase final de Danza Moderna no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e ao día seguinte, 14 de novembro, actuarán na terraza da sede da Sociedade Galega de Autores e Editores (SGAE), en Santiago de Compostela, os tres grupos e tres solistas finalistas da especialidade de Música —que rexistrou 26 solicitudes—.

Cociña no mercado de abastos

Así mesmo, o 21 de novembro é data fixada para que os seis finalistas na categoría de Cociña —que rexistrou 12 concursantes— amosen o seu bo facer, nun evento que se desenvolverá no mercado de abastos da capital galega.

Por último, o día 28 de novembro terá lugar a fase final de Videocreación no Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña. As especialidades de Banda deseñada, Poesía e novela Curta non teñen fase final.

Cada unha das modalidades de Xuventude Crea contará con tres premios: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro de 1.000 euros; e mencións de honra sen dotación económica.

Todas as fases finais realizaranse baixo as medidas de prevención e seguridade recomendadas por mor da covid-19, e os participantes deberán asinar unha declaración responsable de condición de saúde.
 

Imaxes relacionadas