Medio Ambiente financiará con case 30.000 euros a rehabilitación de tres antigas vivendas de mestres no concello de Bande

A conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Sandra Quintas acaban de asinar os convenios en virtude dos cales o departamento autonómico achegará esta contía con cargo ao Fondo de Cooperación para concellos de menos de 50.000 habitantes

Grazas a esta actuación, poderase completar a recuperación dun conxunto formado por seis edificacións unifamiliares de titularidade municipal

Desde a posta en marcha do fondo, no ano 2017, o Instituto Galego da Vivenda e Solo xa concedeu preto de cinco millóns de euros en préstamos sen xuros para financiar 18 actuacións de recuperación nunha decena de concellos

Ao abeiro da convocatoria deste ano, estanse a tramitar novas solicitudes municipais de financiamento por un importe de 2,2 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará un total de 27.632,78 euros ao Concello de Bande (Ourense) para axudalo a financiar a rehabilitación de tres vivendas unifamiliares adosadas de titularidade municipal e que levan varios anos en desuso.

Con este fin, a conselleira Ángeles Vázquez e a alcaldesa Sandra Quintas veñen de asinar telematicamente tres convenios de colaboración (un por cada unha das vivendas a rehabilitar) que lle darán acceso a este municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento para apoiar a concellos de menos de 50.000 habitantes no financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, a achega económica comprometida pola Xunta permitiralle ao Concello de Bande dispoñer de 27.632,78 euros para axudar a financiar estes traballos, contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

Os inmobles nos que se quere intervir, trátanse dunhas antigas vivendas de mestres (as número 1, 2 e 3) propiedade do Concello e integradas nun conxunto de seis adosados en fileira, localizados xunto ao Colexio de Educación Infantil e Primaria e compostos cada un de planta baixa e alta.

Na convocatoria de axudas para rehabilitar vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios de titularidade municipal do ano 2018, o Concello de Bande xa recibira unha axuda da Consellería de Medio Ambiente para intervir sobre tres destas vivendas e en 2019 resultou beneficiario doutra subvención para rehabilitar as outras tres.

Grazas a este novo convenio con cargo ao Fondo de Cooperación, o Concello de Bande poderá completar a rehabilitación deste conxunto de inmobles unifamilares, que incorporará ao mercado como vivendas en réxime de alugueiro a prezo reducido.


Dotación inicial de 10 millóns para o fondo

Cómpre lembrar que o Fondo de Cooperación do IGVS se puxo en marcha no ano 2017, cunha dotación inicial de 10 millóns de euros e o obxectivo de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para acometer proxectos de rehabilitación mediante a concesión de préstamos sen xuros. Grazas aos compromisos asumidos vía convenio durante o período 2017-2019, outorgáronse xa 4,98 millóns de euros para garantir a execución de 18 actuacións de rehabilitación e conservación de inmobles nunha decena de municipios.

Ademais, ao abeiro da convocatoria do Fondo realizada este ano –cuxo prazo para a presentación de solicitudes se abriu o 7 de xullo e rematou o pasado 1 de outubro- estanse tramitando peticións por un importe global de 2,2 millóns de euros, incluída a actuación para rehabilitar tres antigas vivendas de mestres no Concello de Bande.