As catas dos viños, augardentes e licores tradicionais de Galicia comezan o vindeiro luns en Santiago

Ata o venres 30 cataranse unhas 400 mostras procedentes dunhas 150 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas e outra vintena amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais

Dous paneis compostos por unha vintena de expertos serán os encargados de valoralas en catas totalmente a cegas

Con esta cita, a Consellería do Medio Rural busca promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores tradicionais galegos, elaborados principalmente con uvas de variedades autóctonas

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020.- As Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2020 desenvolveranse entre o luns e o venres da semana vindeira no hotel A Quinta da Auga, en Santiago de Compostela. Unha vintena de expertos serán os encargados de valorar en catas totalmente a cegas máis de 400 mostras que foron recollidas nos últimos días por persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.

Para optar ás catas, este ano inscribíronse 267 mostras de viño branco e 141 de tinto procedentes de 155 adegas das cinco denominacións de orixe vitivinícolas. Así mesmo, rexistráronse un total de 25 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade. Neste caso, oito eran de augardente de Galicia, sete de licor de herbas, sete de licor café, dúas de augardente de herbas e unha de augardente envellecida.

No que respecta aos viños, entre os días 6 e 21 deste mes de outubro, o persoal da Consellería do Medio Rural recolleu e identificou as botellas participantes nas súas respectivas adegas, co apoio dos responsables de cada selo de calidade. Para garantir que as catas sexan a cegas, todas elas se envolveron en material opaco e introducíronse posteriormente nunha caixa selada. Así, só queda visible o nome da categoría na que participa -espumoso, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores, licor café etc.-, así como o tipo de viño -tinto ou branco-.

Canto ás augardentes e os licores tradicionais, recolléronse as mostras en envases idénticos de 3/8 de litro, dada a gran diversidade de botellas utilizadas na comercialización deste tipo de bebidas. Deste xeito, tamén resulta imposible recoñecelos e identificalos, asegurando a máxima rigorosidade e anonimato.

No que atinxe aos paneis de cata, o de viños estará formado por 14 profesionais, mentres o de augardentes o formarán un total de sete expertos. En todo momento, garantirase o rigoroso mantemento das condicións hixiénico-sanitarias precisas por mor da covid-19, preservando a máxima seguridade do persoal que intervén no transcurso desta cata-concurso.

Premios

Con estas catas, a Consellería do Medio Rural recalca a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores galegos -elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas- como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Así, a organización outorgará un premio (trofeo e diploma) para o Mellor Viño Branco e outro para o Mellor Viño Tinto de Galicia, elixido entre os brancos e tintos mellor puntuados de cada denominación de orixe. Ademais, para cada denominación outorgaranse ata tres premios (Acio de Ouro, Prata ou Bronce) aos tres viños mellor valorados, así como aos Viños da Terra, colleiteiros, colleitas anteriores, madeira, espumosos e tostados (o número de premios por categoría sempre será en función do número de mostras participantes).

No que se refire ás augardentes cataranse este ano tres categorías: Augardente de Galicia, Licor de Herbas de Galicia e Licor Café de Galicia, que recibirán o Pote de Ouro, Prata ou Bronce, segundo a valoración o número de mostras.

Imaxes relacionadas