O préstamo de libros electrónicos nas bibliotecas da Xunta triplica o número de usuarios pola covid-19

A plataforma dixital de libros, revistas, audiolibros e películas suma preto de 9.000 novos usuarios e case 68.000 exemplares prestados desde o inicio da pandemia

No marco dun decidido apoio á cultura, o Goberno galego incrementa nun 54% as axudas para mellorar a oferta en bibliotecas de 200 concellos

As bibliotecas celebran hoxe o seu día visibilizando o importante papel que xogan no acceso á cultura en calquera lugar e circunstancia

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020

As bibliotecas celebran hoxe o seu día, unha efeméride que, como cada ano, se festexa o 24 de outubro e que nesta ocasión ten por obxectivo visibilizar a importante función estas dotacións culturais no acceso á cultura en calquera lugar e circunstancias. Neste sentido, xogan un papel fundamental recursos electrónicos como GaliciaLe, a plataforma de préstamo dixital da Xunta de Galicia que triplicou o número de usuarios desde o inicio da pandemia.

Así, desde que no confinamento o Goberno galego decidise facilitar as condicións de acceso, empregaron este portal preto de 24.000 persoas, das cales case 9.000 foron novos usuarios. Trátase dunha cifra que triplica a rexistrada en todo o pasado ano, no que o número de usuarios activos eran 7.300. Ademais, desde o mes de marzo tamén se incrementou a cifra de préstamos nun 20% ata case 68.000 exemplares.

Cómpre salientar que o número de persoas que fixeron uso do catálogo en galego medrou notablemente. Tanto é así que desde que empezou a crise da covid-19 os usuarios activos en lingua galega son máis do dobre que o rexistrado o pasado ano.

Este crecemento en todos os indicadores propiciou que o Goberno galego estea a reforzar o número de licencias, así como a incorporar novos títulos co obxectivo de ofrecer unha maior variedade que dea resposta ás necesidades dos lectores, manter actualizada a plataforma e dar un mellor servizo. Tamén estanse a incrementar e repoñer as licenzas dos máis demandados e acortar así os tempos de espera.

800.000 euros para reforzar o catálogo

No marco dun decidido apoio aos sectores culturais por parte do Goberno galego, a Xunta decidiu incrementar este ano nun 54% as axudas para a adquisición de novidades editoriais en galego e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias públicas de lectura integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. En total, o Goberno autonómico inviste 800.000 euros e benefícianse preto de 200 concellos. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación de concellos que se beneficiaron da convocatoria extraordinaria de subvencións, dotada de 300.000 euros, para este fin como parte dos compromisos do Plan de Reactivación do sector cultural para reforzar o apoio ao sector editorial galego. Súmase á convocatoria ordinaria de 550.000 euros xa resolta.

Imaxes relacionadas