A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo unha xuntanza de traballo co rexedor de Lalín, José Crespo

Ethel Vázquez trasládalle ao alcalde de Lalín que o vindeiro ano os menores de 21 anos deste concello poderán viaxar gratis no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta 'Xente Nova'

Vázquez Mourelle explica que os veciños de Lalín tamén poderán utilizar en 2021 a tarxeta TMG, coa que accederán a descontos do 10% sobre o prezo do billete

Avanza que os concellos poderán adherirse o próximo ano a Área de Transporte de Galicia e reforzar as bonificacións, seguindo o esquema das actuais Áreas de Transporte Metropolitano

Neste caso os usuarios que efectúen no mes un determinado número de viaxes con este dispositivo sumarán unha bonificación por recorrencia

Salienta que a Xunta insistirá ante o Ministerio de Transportes en medidas de flexibilización das peaxes das autoestradas estatais como a AP-53, igual que xa fai a Xunta nas autoestradas autonómicas, que son das máis baratas de España

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, vén de manter unha reunión co alcalde de Lalín, José Crespo, ao que lle trasladou que o vindeiro ano os menores de 21 anos deste concello poderán viaxar gratis no autobús interurbano da Xunta coa tarxeta ‘Xente Nova’.

Vázquez Mourelle explicoulle ao rexedor que os veciños de Lalín tamén poderán utilizar en 2021 a tarxeta TMG, coa que accederán a importantes bonificacións nas tarifas. Así, co uso deste dispositivo, os usuarios beneficiaranse de descontos do 10% sobre o prezo do billete.

Estas iniciativas enmárcanse nos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que supón a reordenación de todas as liñas de autobús dependentes da Administración autonómica e estará culminado o vindeiro mes de xaneiro.

A conselleira tamén lle trasladou ao alcalde que o Consello da Xunta lle deu luz verde este xoves á creación da Área de Transporte de Galicia, á que os concellos poderán adherirse o vindeiro ano para reforzar as bonificacións, seguindo o esquema das actuais Áreas de Transporte Metropolitano.

Neste caso, os viaxeiros que efectúen no mes un determinado número de desprazamentos, cos mesmos termos municipais de orixe e destino, tamén sumarán unha bonificación por recorrencia ou por ser membros de familias numerosas.

 

Flexibilización nas peaxes da AP-53
Ademais nesta xuntanza a conselleira e o alcalde tamén abordaron as peaxes na autoestrada AP-53, que comunica Lalín con Santiago de Compostela.

Ethel Vázquez manifestou que volverá insistir ante o Ministerio de Transportes nas medidas de flexibilización de peaxes nas autoestradas estatais, como esta, do mesmo modo que está a facer a Xunta nas autoestradas da súa titularidade.

Lembrou que o Goberno galego ten en marcha bonificacións para os usuarios recorrentes e tarifas nocturnas con bonificacións do 50% nas autoestradas autonómicas, que actualmente xa son das máis baratas de España.

Subliñou que cómpre que o Executivo central adopte medidas activas para garantir unha situación de igualdade en España en relación coas peaxes.

Engadiu que a flexibilización das tarifas nas peaxes das autoestradas estatais redundaría, ademais, nunha maior seguridade viaria e na mellora da competitividade do sector do transporte, ao aforrar tempo e custos.

Imaxes relacionadas