Fabiola García destaca a calidade asistencial das casas niño, nas que este ano iniciarán o curso 400 nenas e nenos de toda Galicia

A última orde deste programa permitirá a posta en marcha de 13 novos centros en concellos de Galicia sen ningún servizo de conciliación

Actualmente hai 68 recursos funcionando en distintos puntos da Comunidade
 

Lobios (Ourense), 23 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a calidade asistencial das casas niño, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2016 e que este curso acollerá xa un total de 400 nenas e nenos de toda Galicia. Así o manifestou durante unha visita ao centro infantil do concello ourensán de Lobios na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, e da alcaldesa da localidade, María del Carmen Yáñez.

A conselleira sinalou que estes centros puideron iniciar este curso escolar con todas as garantías gracias ao esforzo das súas responsables e á axuda do Goberno galego. Neste sentido, asegurou que as familias poden estar tranquilas porque a calidade dos coidados mantense impecable, tal e como acontecía antes da pandemia, ao contar con profesionais formados e instalacións perfectamente acondicionadas.

Fabiola García lembrou que a Xunta segue a apostar por estes servizos de conciliación totalmente gratuítos para as familias por teren demostrado ser un recurso moi valorado desde a súa implantación. Mostra diso é que o Goberno galego lanzou unha orde que permite chegar ao 100% dos concellos galegos que carecen de centros de conciliación, e que vén de autorizar a posta en marcha de 13 novos centros que se sumarán aos 68 xa en funcionamento.
 

Imaxes relacionadas