A Xunta traslada aos beneficiarios das axudas de innovación información e ferramentas para conseguir unha xestión áxil e eficiente

A Axencia Galega de Innovación (Gain) celebrou unha xornada na que participaron os adxudicatarios das axudas resoltas en 2020 e prevese unha segunda xornada a finais de ano para as que se resolvan neste período

Explicáronse os requisitos da iniciativa e as obrigas dos beneficiarios, a súa inserción na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, achegáronse boas prácticas e outras oportunidades de financiamento
 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

A Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia celebrou esta mañá unha xornada formativa en liña á que asistiron arredor de douscentos beneficiarios das axudas concedidas por Gain durante 2020.

O obxectivo do encontro era informar aos administrados sobre o funcionamento e obrigas das axudas públicas á I+D+i, co fin de aliñar aos axentes do ecosistema galego de innovación co cumprimento de obxectivos e indicadores de innovación rexional.

A directora de Gain, Patricia Argerey, destacou na apertura da xornada a importancia de impulsar proxectos que permitan a transformación económica e social do noso tecido produtivo, co obxectivo de consolidar un modelo de crecemento sostible baseado na I+D+i como factor clave para garantir a competitividade da nosa economía e dar resposta aos retos aos que se enfronta a nosa sociedade.

Argerey apuntou que a Xunta persegue, como un dos seus obxectivos prioritarios neste ámbito, aumentar o número de empresas innovadoras e que as pequenas e medianas empresas innoven máis, coa colaboración do ecosistema galego de I+D+i. Deste xeito,
-sinalou- conseguirase ampliar a base de empresas innovadoras e mellorar a posición de Galicia nos ránkings de innovación a nivel estatal e europeo. O investimento privado en I+D en Galicia xa representa máis do 50% do total (segundo a enquisa sobre gasto en I+D 2018 do INE), mais Galicia segue atopándose entre as rexións innovadoras moderadas. Por iso, a directora de Gain pediu un esforzo colectivo no impulso ao posicionamento de Galicia nos indicadores europeos de innovación.

Ao longo da xornada, na que interveu persoal de Gain e da consultora Zabala, explicóuselle aos beneficiarios das axudas o proceso de xestión das mesmas e a súa contextualización no marco europeo. Así mesmo, informouse sobre o aliñamento dos proxectos coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e solicitóuselles colaboración na avaliación de seguimento da Estratexia co obxectivo de introducir medidas correctoras na RIS actual e sentar as bases da definición da futura RIS 2021-2027.

No ámbito da xestión de proxectos financiados con fondos públicos, achegáronse boas prácticas relacionadas coa xestión por proxectos, seguimento das axudas e indicadores de I+D. Nun terreo máis práctico, informouse sobre os requisitos e obrigas dos beneficiarios no eido económico-contable e de comunicación. Por último, informouse sobre outros incentivos á I+D+i, como as deducións fiscais ou os préstamos.
 

Imaxes relacionadas